Promoven unha campaña de firmas para impulsar a Gran Senda do Navia

Este proxecto estratéxico busca consolidar un Camiño Natural do Río Navia, que impulse o desenvolvemento económico, social e turístico dos vales da zons
Navia-de-Suarna
28 Mar 2025

A Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo Lucus Augusti e a Sociedade de Amigos de Boal lanzaron a campaña '500 impulsos polo Navia' co obxectivo de reclamar ás Presidencias das Comunidades Autónomas de Galicia e Asturias o seu liderado no desenvolvemento do proxecto Gran Senda do Navia.

Este proxecto estratéxico, apoiado desde 2016 polos dezaseis concellos situados ao longo do río Navia e por un amplo tecido social, busca consolidar un Camiño Natural do Río Navia, que impulse o desenvolvemento económico, social e turístico dos vales da zona.

As entidades promotoras lembran que Galicia e Asturias contan cunha longa traxectoria de colaboración en proxectos de desenvolvemento e comunicacións, polo que consideran fundamental o respaldo institucional para facer realidade esta iniciativa interautonómica.

A campaña de sinaturas está dirixida aos sectores económico, social, cultural e deportivo dos vales do Navia e levarase a cabo durante os meses de abril e maio. Unha vez recollidas, serán presentadas ás presidencias de ambas comunidades en xuño deste ano, co fin de reforzar a demanda dun proxecto integral e viable para a zona.

Con esta acción, os impulsores agardan conseguir o compromiso das administracións e converter a Gran Senda do Navia nunha realidade, promovendo un corredor natural que contribúa ao desenvolvemento sostible dos territorios que atravesa.

⚙ Configurar cookies
0.17289209365845