Promoven unha campaña para fortalecer o comercio do Barrio da Milagrosa

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa está a levar a cabo unha campaña para fortalecer o comercio do Barrio da Milagrosa, animando á veciñanza e ás persoas de zonas próximas a apoiar os establecementos locais.
A iniciativa consiste na distribución de 500 carteis nos que se expoñen 20 razóns para comprar no Barrio da Milagrosa. Estes carteis non só se repartirán dentro do propio barrio, senón tamén en zonas próximas, co obxectivo de achegar os beneficios do comercio local á maior cantidade posible de persoas.
Entre as razóns para elixir o comercio local da Milagrosa destacan aspectos como o prezo, a calidade dos produtos e servizos, o apoio ao comercio xusto, a proximidade do barrio, e a profesionalidade dos comerciantes locais. Ademais, subliñan a seguridade que ofrece a compra en establecementos de confianza, así como a importancia de asegurar o futuro do barrio e fomentar a veciñanza e o crecemento económico.
Outras razóns que se destacan son o feito de que na Milagrosa "hai de todo" e a convicción de que "a Milagrosa o merece", subliñando así a importancia de apoiar o comercio local como un acto de compromiso co desenvolvemento e benestar da comunidade.
A campaña busca incentivar aos veciños e veciñas a seguir apoiando o comercio do barrio, creando así un ambiente de colaboración e fortalecendo a identidade do Barrio da Milagrosa.