Promoven visitas, paseos guiados e ruta de tapas para dar a coñecer o barrio da Milagrosa
Os bares e restaurantes El Dotmas, Lagar, Ourizo, La Peatonal e Lareira, os hoteis Darío e Los Olmos e o proxecto Guido Guía únense creando unha experiencia gastronómica e cultural de dous días en agosto para dar a coñecer o patrimonio e a gastronomía do senlleiro barrio da Milagrosa de Lugo. As actividades terán lugar o venres 23 e o sábado 24, e nelas combinaranse visitas e paseos guiados, rutas de tapas, e menús especiais para a ocasión.
A experiencia iniciarase o venres cunha visita guiada gratuíta ao barrio a última hora da tarde, a partir das 20.00 horas. Posteriormente proporase unha ruta de tapas polos 5 establecementos, que terán preparada unha proposta especial para a ocasión. As persoas que proben e selen en tres dos cinco bares participarán nun sorteo de varios obsequios. O sábado pola mañá será o momento para un paseo guiado -tamén gratuíto- máis longo, de tres horas, pola contorna, de 11.00 horas a 14.00.
Para finalizar, os mesmos 5 locais proporán menús especiais para todas as persoas que queiran reservar e compartir unha última vivencia con todos os participantes. Os hoteis Darío e Los Olmos colaborarán tamén ofrecendo descontos aos participantes que decidan vir a Lugo esa fin de semana. Unha ocasión para descubrir a Milagrosa e rematar o resto da fin de semana coñecendo Lugo en xeral. Quen desexe inscribirse á visita e paseo guiado pode facelo a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com.