Propietarios das Saamasas piden a continuación das obras

LugoXa
As obras da urbanización nas Saamasas continúan paralizadas polo que os seus propietarios están estudando mobilizarse contra o Concello.
urbanizacion saamasas
15 Xul 2021

As obras da urbanización nas Saamasas continúan paralizadas polo que os seus propietarios están estudando mobilizarse ou iniciar accións legais contra o Concello.

Dende o Concello de Lugo, pola súa parte, sinalan que a orde de interrupción dos devanditos traballos comunicouse á Xunta de Compensación do Sector logo de contrastar que a Confederación Hidrográfica Miño Sil -e organismo competente para autorizar ou denegar a realización das obras- non concedera a prórroga solicitada para ampliar os prazos de execución do proxecto.

Así pois, despois de solicitar á CHMS unha primeira prórroga en decembro do 2019, ampliouse até o 8 de maio sinalado como consecuencia da suspensión dos prazos administrativos aos que obrigou o Estado de Alarma. De aí, defenden dende o Concello, que non advertira a necesidade de paralizar os traballos con anterioridade a esta data, cando se extinguía realmente o prazo de execución.

Así mesmo, dende o Concello de Lugo continúan con que "tras adoptar e comunicar a decisión da paralización das obras, o Concello concedeu trámite de audiencia aos interesados durante un prazo de dez días, co fin de que iniciaran as accións que estimasen oportunas. Tempo no que a Xunta de Compensación presentou recurso potestativo. Para poder valoralo axeitadamente, con relación á argumentación realizada, o Concello optou por paralizar os prazos dese trámite de audiencia e cursar unha consulta á Confederación Hidrográfica".

Pola súa banda, dende a Confederación Hidrográfica sinalan que o prazo de execución contemplado no expediente estaba finalizado e, para poder pronunciarse sobre se as tarefas pendentes precisaban dunha nova autorización administrativa, o promotor "debería ter presentado a correspondente solicitude de autorización dos labores que pretendía realizar", co fin de que a Confederación puidera estudar se os mesmos afectaban ou non a algunha canle pública e/ou ás súas zonas de protección.

0.19296908378601