Propoñen o Pazo de Feiras como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública co apoio unánime do Padroado

O Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo acordou por unanimidade propoñer o Pazo de Feiras e Congresos como sede dentro da candidatura oficial da cidade para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública. A decisión foi adoptada nunha reunión extraordinaria celebrada de maneira telemática e permitirá ao Concello de Lugo presentar a proposta en tempo e forma, conforme ao procedemento establecido polo Goberno do Estado.
Este acordo supón un avance relevante na configuración da candidatura lucense, ao incorporar un consenso institucional amplo arredor da localización proposta. O Padroado da Fundación Feiras e Exposicións está integrado por representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo, do Concello e da Confederación de Empresarios, polo que a unanimidade acadada achega un respaldo político e institucional significativo a un proxecto considerado estratéxico para a cidade, a provincia e o conxunto de Galicia.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou que a eventual elección da cidade como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública representaría unha oportunidade de grande impacto, tanto pola xeración de emprego cualificado como pola atracción de talento e o posicionamento de Lugo no ámbito da saúde pública, a investigación e a innovación. O rexedor advertiu tamén de que se trata dun proceso competitivo, no que participan cidades con forte peso institucional, polo que insistiu na necesidade de concorrer con rigor técnico, solvencia e co apoio coordinado das distintas administracións.
Miguel Fernández agradeceu expresamente o respaldo dos membros do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións e puxo en valor a importancia de sumar esforzos institucionais e sociais nunha candidatura deste alcance. Segundo indicou, trátase dun proxecto que só pode avanzar desde a cooperación, xa que a coordinación entre administracións e axentes económicos e sociais reforza a capacidade de Lugo para competir por proxectos de ámbito estatal.
A proposta que se elevará contempla a posibilidade de situar a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública nun espazo exclusivo de máis de 2.000 metros cadrados dentro do Pazo de Feiras e Congresos, complementado con zonas comúns e servizos como salas de reunións, auditorio, hall principal, espazos de traballo compartidos e unha ampla área de aparcadoiro.
Esta opción permitiría, por unha banda, dar un uso estable a unha área do recinto actualmente infrautilizada e, pola outra, reforzar a centralidade e a proxección do Pazo de Feiras, dinamizando a súa actividade e consolidándoo como un equipamento estratéxico para a cidade, ao reunir condicións adecuadas de dimensión, funcionalidade, accesibilidade, localización e dispoñibilidade inmediata para albergar un organismo estatal destas características.
Na reunión do Padroado participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, quen trasladaron o respaldo do Goberno galego á proposta que vai presentar o Concello de Lugo con esta localización e ofreceron a “máxima colaboración” para que a cidade sexa finalmente escollida. Lembraron que o Consello da Xunta acordou este luns avalar oficialmente a candidatura, achegando un apoio institucional que, segundo indicaron, “reforza e dota de maior solidez” a proposta lucense.
Os representantes autonómicos confirmaron ademais que a Xunta remitiu xa ao Concello os informes sectoriais favorables dos departamentos implicados —Turismo, Vivenda, Axencia Galega de Infraestruturas e Educación—, así como un informe técnico que acredita a viabilidade do edificio do Departamento Territorial de Sanidade para acoller o novo organismo, co obxectivo de fortalecer a candidatura.
Arias e Alén apelaron á lealdade institucional e á necesidade de “ir todos a unha” neste proceso e, unha vez acordado propoñer o Pazo de Feiras e Congresos como posible sede, puxeron á disposición do Concello as dependencias do departamento de Sanidade “para o que estimen pertinente neste procedemento”.
Así mesmo, destacaron que a candidatura de Lugo se sustenta no papel da Xunta en materia de saúde pública, que, segundo expuxeron, se reflicte en medidas recentes como a próxima entrada en vigor da lei que prohibe o consumo e a venda de cigarros electrónicos e bebidas enerxéticas a menores, así como nun sistema sanitario público avanzado en vacinación, prevención e detección precoz de enfermidades, que sitúa a Galicia como referencia a nivel estatal e internacional.