Prorrogado o contrato de iluminación para o San Froilán e o Nadal
Rubén Arroxo anunciou a renovación do contrato coa empresa que iluminou as rúas ao longo da cidade de Lugo durante a celebración do San Froilán e do Nadal o pasado ano. Arroxo afirmou que “Lugo contou durante as pasadas festas cunha iluminación espectacular a decoración en toda a cidade”, motivo polo que confirmou a prorrogación do acordo por un total de 86.131,79 €.
Durante o pasado San Froilán, lembrou Rubén Arroxo, “o alumeado adornou máis de 70 rúas con preto dun millón de microleds dispostos por toda cidade” con máis de 200 arcos luminosos, ademais de rótulos, decoración en farolas e teitos luminosos de mínimo 1500 microleds cada un, explicou.
En total, recordou tamén Rubén Arroxo, “o alumeado de Nadal contou con 778 elementos decorativos e preto dun millón de microleds nas distintas rúas e prazas” con 189 arcos luminosos e distintos elementos ornamentais, entre os que destacou a decoración de 100 farolas ou a colocación de figuras en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos. O Tenente Alcalde resaltou tamén a decoración de varias rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz.
“Noutras prazas, instaláronse outros motivos en 3D cun mínimo de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz”, lembrou Rubén Arroxo, sen esquecer tampouco a decoración especial do percorrido do Camiño, así como a árbore da praza Maior, fronte ao Concello, de 20 metros de altura, e da praza da Mosqueira, con elementos decorativos de máis de 1.500 puntos de luz.
Ruben Arroxo explicou a importancia do alumeado xa que "convida á veciñanza de Lugo a moverse pola cidade e coñecer novos lugares que axudan a mellorar ao noso comercio e economía”. O Tenente Alcalde considerou fundamental “adornar con vistosa iluminación os espazos públicos máis significativos da cidade en datas festivas sinaladas, o que constitúe unha tradición fortemente arraigada e da que Lugo non é allea”.