Prorrogan o prazo para pedir as axudas das comunidades de montes

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publica a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o 16 de abril o prazo para solicitar as axudas ás Comunidades de Montes.
vista abadin monte
23 Mar 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o vindeiro 16 de abril o prazo para solicitar as primeiras axudas convocadas pola Xunta para impulsar a boa gobernanza nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC). Esta orde de achegas bianual dirixida ás comunidades de montes veciñais inscritas no Rexistro de CMVMC subvencionará cun total de 1,5 millóns de euros ata catro tipos de actuacións.

Así, primeiramente impulsarase o apoio profesionalizado á xestión forestal, con axudas á xestión administrativa e técnica para o desenvolvemento dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (IOXF) aprobados. Tamén se poderá sufragar a certificación forestal do monte ou o seguimento das actuacións relacionadas, como a obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou direccións de obra.

O segundo grupo de actuacións contempla achegas para a revisión dos esbozos que recollen os límites dos montes veciñais, xa que unha boa parte deles presentan inexactitudes ou erros cartográficos. Canto ao terceiro e ao cuarto tipo de accións subvencionables, están relacionadas cos deslindamentos parciais entre CMVMC no primeiro caso, e cos deslindamentos parciais entre as comunidades de montes veciñais e terreos de particulares no segundo, para poder delimitar legalmente e dun xeito consensuado os límites entre as distintas propiedades.

Os montes veciñais en man común constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente, en Galicia, de aí a importancia de apoiar o seu labor. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 hectáreas, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

Os datos indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva. Nesa liña, representan máis do 25% da superficie forestal da nosa comunidade, aínda que a distribución dos MVMC non é homoxénea nas catro provincias galegas. Así, o 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, o 21,7% en Pontevedra e só un 9,1% na Coruña. Mentres, o número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte.

Con todo, no ano 2019, antes da pandemia pola covid-19, unha porcentaxe próxima ao 10% non dispoñía de estatutos vixentes e un 34% non tiña a Xunta reitora actualizada. Existen tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos, estimándose que un 40,2% dos MVMC non estaban ao día no ano 2019 nesas prácticas de xestión, o que demostra a necesidade desta orde de axudas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18657398223877