Prorrógase o contrato de mantemento e conservación das vías públicas na zona urbana de Lugo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anuncia a aprobación da primeira prórroga do contrato de mantemento e conservación das vías públicas na zona urbana, contrato que permitirá facer un investimento anual de ata 200.000 euros, e que permite realizar intervencións que a brigada pública de Vías e Obras non pode asumir.
A prórroga terá vixencia desde o 7 de maio de 2025 ata o 6 de maio de 2026, existindo a posibilidade dunha nova prórroga no futuro.
"Este contrato permite responder con maior axilidade e eficacia ás necesidades de mantemento das infraestruturas urbanas, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza", explicou Rubén Arroxo, que destacou tamén o papel da Brigada Municipal de Vías e Obras, "un servizo público que cada ano atende centos de solicitudes das veciñas e veciños de Lugo, realizando pequenas reparacións que melloran o día a día das e dos lucenses".
Arroxo lembrou a importancia de que a veciñanza faga chegar as súas necesidades ás distintas áreas do goberno municipal. "As veciñas e veciños de cada zona saben de primeira man as necesidades da súa zona", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "moitas veces trátanse de pequenos arranxos, que a brigada municipal de obras trata de resolver no menor tempo posíbel para garantir o bo estado da cidade".
Outro dos puntos aprobados foi a concesión das autorizacións para a venda ambulante de tres postos de produtos téxtiles e calzado no mercado de Frigsa. Estas autorizacións foran denegadas inicialmente debido a débedas pendentes co Concello. Unha vez regularizada a situación tributaria das persoas solicitantes, procédese agora a autorizar a súa instalación, permitindo así que continúen coa súa actividade comercial e reforzando o apoio ao pequeno comercio nunha instalación como o Mercado de Frigsa.