Proxección de 'Prefiro Condenarme' este domingo no Centro Sociocultural de Friol

LugoXa | TerraChaXa
A directora Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta, estará durante a sesión
prefiro-condenarme
22 Nov 2025

O Centro Sociocultural de Friol proxecta este domingo, día 23 de novembro, ás 18.00 a última película de Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme. Fita estreada en 2024 e producida por NÓS Produtora Cinematográfica Galega, conta no seu elenco con Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro, Antón Lopo, Nardo Beceiro e Sagrario Ribela, cuxa biografía é o material do filme.

A sinopse da película é a seguinte. A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.

A directora Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta, estará durante a proxección da película para manter, logo, un coloquio co público asistente. Prefiro condenarme é a quinta cinta da súa filmografía, Santa Liberdade (2004); Liste, pronunciado Liste (2007); A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), e contou con distincións no Festival de Locarno e no Festival de Cine Europeo de Sevilla.

 

⚙ Configurar cookies
0.07335901260376