Proxectan 12 pistas en deportivas en colexios da provincia

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia aprobou a implantación de 12 polos creativos e a execución de 12 pistas multideporte que estrearán o vindeiro curso.
pista multideporte colexios
22 Jul 2022

A Xunta de Galicia aprobou a implantación de 12 polos creativos e a execución de 12 pistas multideporte que estrearán o vindeiro curso escolar colexios e institutos repartidos por toda a provincia de Lugo.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades elevou ao Consello da Xunta un informe de ambas actuacións, dúas iniciativas novidosas que se poñen en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6M€ para conxunto da Comunidade.

No caso das pistas multideporte, a provincia de Lugo é a máis beneficiada coa concesión de achegas por case 800.000 euros (778.700 euros) a 12 concellos -en toda Galicia son 33 – para a dotación e mellora destas instalacións en centros educativos dos seus respectivos termos municipais.

Así, ao abeiro desta convocatoria de axudas resolta hoxe contarán este tipo de instalacións para a práctica de varios deportes os CEIP Concepción López Rei de Baleira; Virxe do Corpiño de Begonte; CEIP Lagostelle de Guitiriz; Rosalía de Castro de Mosteiro (Pol); Rosalía de Castro de Bóveda; Santa María do Valadouro; O Cantel de Foz; Celso Currás de Trabada; CEIP do Corgo; Ricardo Gasset do Incio; CEIP do Páramo e CEIP de Palas de Rei.

É a primeira acción deste tipo que se pon en marcha en Galicia e a Xunta financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía.

As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica dun mínimo de cinco deportes nun espazo polifuncional.

Polos creativos

No caso dos polos creativos, o obxectivo principal é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. A primeira fase de implantación chegará este setembro a un total de 138 centros educativos galegos cun investimento que supera os 4M€.

No que atinxe á provincia de Lugo, promoveranse en seis colexios e institutos da Mariña -os CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre de Burela e o IES Monte Castelo dese mesmo concello, o CEIP de Cervo, o CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo e o IES San Rosendo de Mondoñedo -; e tamén nos CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, CEIP de Palas de Rei, CPI de Castroverde, IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, IES Xograr Afonso Gómez de Sarria e Escola de Educación Infantil Fingoi nº2 de Lugo.

Os polos creativos son lugares de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

Así pois, nos centros seleccionados nesta primeira fase en toda Galicia, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.

0.17045783996582