Proxectan catro casas niño en Samos, Castroverde, Rábade e O Incio

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa
A Xunta publicou no DOG a resolución das axudas para a creación de 16 novas casas niño no rural, catro delas en Lugo.
casa nino a pobra
12 Xul 2021

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para a creación de 16 novas casas niño no rural, o que supón acadar as 93 en toda a Comunidade, catro delas na provincia de Lugo.

Actualmente Galicia dispón de 77 destes recursos de conciliación en municipios de menos de 5000 habitantes. Con esta, a sexta convocatoria desde que se puxo en marcha o programa no ano 2016, chegaranse ás 93 casas e ás 465 prazas de atención para nenas e nenos de 0 a 3 anos, 100% gratuítas para as familias.

En concreto, as persoas beneficiarias proxectan a apertura de casas niño en catro concellos da provincia de Lugo (Samos, Castroverde, Rábade e O Incio), oito en Ourense (Entrimo, Maside, A Mezquita, A Veiga, Quintela de Leirado, Monterrei, Castrelo de Miño e Pontedeva), tres na Coruña (Paderne, Frades e Santiso) e un en Pontevedra (Cuntis).

Os beneficiados contun cun prazo de dez días para aceptar a axuda. Así mesmo, terán dous meses para achegar toda a documentación requirida se non o fixeron no momento da solicitude e acreditar que o inmoble onde se vai poñer en marcha o servizo está acondicionado.

As casas niño son un servizo de atención á infancia para os concellos do rural que ofrecen unha atención totalmente gratuíta para as familias, próxima e individualizada para os máis pequenos. Cada centro pode acoller ata a cinco nenos. Trátase dun programa pioneiro que ten como obxectivo dotar a todos os concellos de Galicia dun servizo de conciliación.

0.17202496528625