'Proxecto Eclipse 2026.8.12', a actividade para que Lugo sexa o mellor lugar para ver o eclipse de agosto

LugoXa
Lugo prepara un amplo programa que inclúe actividades divulgativas, conferencias e unha gran observación pública na cidade
proxecto-Eclipse-Lugo
27 Mar 2026

O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou o proxecto Eclipse 2026.8.12 acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o profesor Manuel Andrade, coordinador da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemática Aplicada da USC, e representantes de Caixa Rural Galega. A iniciativa busca converter a cidade “no mellor punto de Galicia para ver o eclipse solar do 12 de agosto”, segundo destacou Arroxo.

O programa estrutúrase arredor dunha actividade central: a observación pública do eclipse total de Sol o 12 de agosto de 2026, que se desenvolverá en distintos puntos da cidade actualmente en estudo polo Concello, con especial protagonismo do adarve da Muralla e do Parque Rosalía de Castro. Durante a xornada instalaranse telescopios e prismáticos con filtros solares, sistemas de proxección e distribuiranse lentes homologadas para garantir unha observación segura das distintas fases do fenómeno.

O ciclo arrancará cunha sesión pública de presentación aberta á veciñanza, na que se explicarán tanto as actividades previstas como os aspectos organizativos da cita principal. Ademais, porase en marcha unha páxina web oficial e perfís específicos en redes sociais que ofrecerán información detallada sobre a ciencia das eclipses, horarios locais en Lugo, mapas, infografías e materiais didácticos.

Entre estes recursos incluiranse vídeos explicativos sobre o fenómeno, a súa relevancia histórica e cultural, así como contidos específicos sobre o eclipse total de 2026. Tamén se difundirá un tríptico informativo accesible con recomendacións básicas para unha observación segura.

O programa completarase cun ciclo de conferencias impartidas por persoas expertas que abordarán de maneira divulgativa e rigorosa distintos aspectos científicos, históricos e culturais relacionados coas eclipses. Nas datas previas ao evento desenvolveranse dous obradoiros prácticos abertos ao público, mentres que nas semanas anteriores se habilitará un punto de información na cidade onde se ofrecerán detalles do programa, consellos de observación e material divulgativo, ademais de orientación sobre os espazos habilitados para seguir o eclipse.

0.13887596130371