Próxima estación... Manuel María

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
19 Out 2021

Por Moncho Paz

A Manuel María gustáballe o outono. De feito, naceu un 6 de outubro en Outeiro de Rei e a estación das follas marelas inspirou boa parte das súas composicións poéticas. Até o seu pasamento en 2004, mantivo un histórico vencello coa capital da Terra Chá, que levou dentro do corazón no decurso da súa vida e de cuxas festas foi pregoeiro aló por 1977, sendo alcalde Francisco Roca Agras. Como colaborador habitual nos programas de San Ramón e Santa María, escribiu e cantou á nosa bisbarra en múltiples ocasións, aproveitando unhas celebracións que sempre marcaron a fronteira anímica dos chairegos, pois simbolizan o remate do verán e anuncian o comezo do outono.

Por iso non foi casualidade que a escultura de granito coa súa figura, situada fronte á Casa da Cultura de Vilalba, fose inaugurada o pasado 4 de setembro, a piques de rematar as festas patronais. Ironías do destino, dicir que, se vivise, o homenaxeado quedaría literalmente de pedra ao non entender o motivo real polo cal algúns vellos coñecidos se negan sistematicamente a designar o antigo edificio consistorial co seu nome, malia á reivindicación social maioritaria existente nestes intres. En concreto, refírome á postura inmobilista amosada polo Partido Popular, e confeso non entender a súa insistencia no bloqueo, pois o ex-alcalde Agustín Baamonde fixo acto de presenza nese acto e mesmo ocupou un dos asentos reservados para as autoridades, como tamén fixera sendo máximo mandatario en 2003, cando Manuel leu o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, nunha sesión entrañable que tivo lugar nun serán de febreiro no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” e na que recibiu a resposta de Méndez Ferrín.

Manuel María Fernández Teixeiro, o noso lembrado Manuel. Chairego de Outeiro de Rei, vilalbés de sentimento e galego universal. O cantor da nosa terra, sempre co regato do Cepelo como fonte de inspiración, da mesma maneira que outros apelaron ao río Miño nos seus versos. Entre a variada temática do Manuel destaca o compromiso político, a denuncia de eivas, o amor, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, o paso do tempo, a lingua, a sociedade, os traballos agrarios, a xeografía ou o urbanismo.

O Manuel foi un destacado membro da xeración do 50, encargada de recuperar a nosa gloriosa tradición literaria. A primeira referencia que tiven del chegoume na década dos 70, a través das súas crónicas sobre os poetas da Chaira. Máis tarde, a comezos dos 80, coñecino persoalmente cando estabamos a preparar o libro “Seis escritores de Vilalba”, editado pola Deputación de Lugo en 1986. Recordo que o Manuel facilitáranos moitos datos sobre Xosé Luis García Mato, o Guedelliñas, que fora un dos seus grandes amigos e tamén confidente en longos intres compartidos nas tabernas, gratos lugares para conversar e onde un acaba sempre desvelando as verdades interiores do peito e curando as feridas da alma en amor e compañía, nun exercicio de mutua solidariedade.

Atopámolo de novo en Monforte de Lemos a finais desa década. En 1989 eu comezaba a exercer o xornalismo en Lugo e Manuel e Saleta acolléronme, sempre agarimosos, na libraría Xistral cando visitaba a cidade do Cabe, a maioría das veces con Antón Grande, que daquela era o meu compañeiro de andanzas profesionais. En 1993 recibín con ledicia en Madrid os seus parabéns polo limiar que escribira para o primeiro libro do meu prezado Miguel Barrera, Loita de Silencio, ao que dedicou un fermoso artigo baixo o título “Poetas transterrados”. De feito, Manuel sempre defendeu a idea da Escola Poética da Terra Chá, que definía como unha patria poética con personalidade propia, e dentro dela, o que deu en chamar “subescola poética vilalbesa”, integrada por un grupo de autores cuxa creación definiu como “conservadora, bilingüe e costumista”, que utilizaban a prensa local como principal medio de comunicación e que, na maioría dos casos, deron a coñecer os seus versos a título póstumo.

Coincidimos durante anos nas feiras do libro en distintos lugares da xeografía galaica e tamén nas manifestacións das Letras Galegas cando establecín a miña residencia en Compostela; eu acudía puntualmente cada 17 de maio en compañía de Xosé Chao Rego e, máis tarde, do seu irmán Ramón, cando viña dende París a pasar tempadas no refuxio de Bastavales e comezabamos a artellar o proxecto cultural de Amigos de Prisciliano, compartindo acordanzas de xuventude e de foliada en Reigada.

A querenza do Manuel por Vilalba acompañouno durante toda a súa traxectoria vital. Cando finou na Coruña, e logo do velorio ao que asistimos no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago, foi soterrado no cemiterio de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, como era o seu desexo. Na capital galega recibiu a penúltima visita de amigos, vellos compañeiros e numerosos representantes da vida cultural e política, entre eles o vilalbés Xosé María García Leira, daquela presidente do Parlamento de Galicia.

Ao Manuel gustáballe dicir: “A palabra falada lévaa o vento, mentres a que se escribe, aínda que non se lea nunca, permanece sempre viva”. Por iso Manuel María, home bo e xeneroso, segue a estar presente na nosa memoria e a súa poesía ficará sempre connosco. O recoñecemento da Casa da Cultura Manuel María debe ser, por unanimidade dos grupos políticos do Concello de Vilalba, un acto de xustiza necesario. Será posible conseguilo antes do vindeiro outono? O tempo dirá.

MANUEL MARIA
0.17787599563599