PSdeG e BNG marcan a axenda do pleno de Monterroso entre críticas á xestión económica do PP

O Grupo Municipal Socialista de Monterroso denunciou no pleno celebrado a ausencia de planificación e a “improvisación absoluta” do executivo do PP, ao recorrer de novo ao remanente de tesourería para afrontar gastos ordinarios do concello. O PSdeG votou en contra do suplemento de crédito como “toque de atención” e esixiu a aprobación inmediata duns novos orzamentos municipais.
O voceiro socialista, Rafael García, lembrou que en só oito meses deste 2025 xa se tramitaron tres expedientes con cargo aos aforros municipais que suman preto de 740.000 euros. Segundo explicou, eses fondos empregáronse en conceptos básicos como alimentación, gardería, centro de día ou vestiario do persoal, que deberían estar previstos nas contas anuais. García advertiu de que esta práctica “pon en risco a estabilidade orzamentaria” e recalcou que o goberno local segue a traballar con orzamentos prorrogados desde 2023, “que xa non responden ás necesidades actuais”.
No mesmo pleno, os socialistas lograron aprobar dúas mocións. A primeira, sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), reclamaba máis recursos humanos e económicos para garantir a atención das persoas maiores e dependentes no seu propio fogar. A segunda, presentada por urxencia, introduciu modificacións no Regulamento de Organización Municipal co obxectivo de mellorar a orde e a transparencia nas sesións plenarias.
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do BNG, defendida polo concelleiro Brais Vázquez, para ampliar o persoal nos programas de conciliación, lecer e actividades recreativas, garantindo a integración de nenos e nenas con necesidades especiais ou dificultades de adaptación. A proposta inclúe a reserva de prazas específicas e a contratación de profesionais especializados, tanto en programas municipais como en servizos externalizados.
O edil nacionalista aproveitou ademais para reclamar melloras nas beirarrúas en mal estado, a posta en marcha dun plan público de limpeza de rúas e a reparación do alumeado público na aldea de Esporiz, onde os veciños levan días sufrindo incidencias.