PSOE e BNG, en contra do peche do centro de saúde de Nadela
O concelleiro lucense Miguel Fernández pedirá maior concreción a Sanidade para saber en que termos e con que prestacións manterá aberto o centro de saúde de Nadela tralo verán.
O edil anunciou onte que interpelará ao conselleiro, a través do grupo parlamentario do PSOE, para que aclare na cámara galega todas estas circunstancias “ante a perda de forza que acaban sufrindo as promesas da Xunta para con Lugo”, sinalou.
“Xa non falamos dos grandes proxectos aos que o señor Rueda se comprometu coa alcaldesa na primeira reunión institucional que mantiveron hai case un ano e polos que seguimos agardando: Museo da Romanización, financiación de proxectos de abastecemento no rural, vivenda pública, Plan Paradai, etc; senón que co paso dos meses a realidade demostra como se contradín así mesmos até na palabra que lle dán en primeira persoa á veciñanza dos núcleos”.
Fernández se expresou nestes termos en alusión ao anterior anunciou feito pola Xunta de que a xubilación do médico de familia deste centro, en abril, non implicaría o seu peche. “Estamos en xullo e o equipamento sanitario foi mermando a tal velocidade que xa non presta ningún tipo de servizo, obrigando ás e aos pacientes a trasladarse a outros consultorios para recibir asistencia, de aí o noso escepticismo, que se suma ao da cidadanía cando agora se xustifican en que volverá abrir en setembro pero non son capaces de explicar con que persoal ao fronte, para ofrecer que tipo de atención nin tan sequera si manterán o cupo actual”, engadiu o concelleiro.
Para Miguel Fernández “o rosario de peches de centros de primaria, especialmente no rural, que afectan a todas as provincias e a errática xestión dos recursos existentes que manteñen numerosas prazas de facultativos de diferentes especialidades sen cubrir, mermando a calidade dun servizo tan esencial como é o da saúde, son malos indicadores das expectativas que podemos ter sobre o que pasará co consultorio de Nadela, por iso non queremos máis vaguidades por parte do titular de Sanidade, senón unha relación dos medios que porán a disposición das e dos residentes nesta parroquia de Lugo para garantirlles que dentro de dous meses recuperarán a prestación ao completo”, concluíu o concelleiro.
BNG
O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, sumouse ás veciñas e veciños de Nadela na súa preocupación polo futuro do Centro de Saúde. Arroxo afirmou que "ano tras ano a veciñanza de Nadela ve como o centro de saúde pecha, cada vez con máis temor a que chegue o mes de setembro e non volva abrir".
Arroxo calificou como "preocupante" a información a respecto da titularidade dos terreos nos que se ubica o centro de saúde. "As veciñas e veciños de Nadela temen que a Xunta esté a traballar no peche desta instalación e que os terreos poidan retornar á familia que os cedeu", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "é preciso que a Xunta aclare canto antes cal vai ser o futuro deste centro de saúde para dar seguridade á veciñanza".
O BNG presentou distintas iniciativas no Parlamento de Galiza, que se suman á moción que se debaterá no próximo pleno do concello de Lugo, para coñecer o futuro do Centro de Saúde e instar ao Goberno galego a garantir a súa reapertura e o mantemento da súa actividade nas mellores condicións.