Publicada a listaxe de admitidos para as axudas de libros e material escolar

A edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que a concellería de Educación xa recibiu e revisou as solicitudes presentadas para optar ás axudas de libros de texto e material escolar dirixidas a familias con baixos recursos económicos. “Cumprimos o calendario previsto e damos un paso adiante para garantir que o apoio chegue ás familias antes do inicio do curso”, destacou a edil.
Segundo informou, presentáronse un total de 711 solicitudes, das cales xa se publicou unha primeira listaxe de admitidas, admitidas con documentación pendente e excluídas. Estas listaxes poden consultarse no Taboleiro de Anuncios do Concello de Lugo e no do Servizo de Educación. A partir de agora, ábrese un prazo de 10 días hábiles para a subsanación de erros ou a achega de documentación faltante.
“Agradecemos a implicación das familias que fixeron a solicitude dentro do prazo, e tamén o traballo do persoal municipal para axilizar todo o proceso. Estas axudas son unha ferramenta moi necesaria para garantir a igualdade de acceso ao material escolar, especialmente no caso das nenas e nenos que cursan o segundo ciclo de Educación Infantil”, sinalou Buide.
Como novidade este ano, as bases permiten incluír entre os materiais subvencionables elementos como botellas reutilizables de auga ou xogos específicos recomendados polos centros, sempre que estean xustificados. A dotación total da convocatoria é de 40.000 euros, repartidos en 400 cheques de 100 euros cada un. O único criterio de baremación é a renda per cápita da unidade familiar, cun tope do 85% do IPREM.
A concelleira rematou sinalando que “desde o Concello seguiremos traballando para que estas axudas se resolvan no menor tempo posible e poidan estar dispoñibles antes do comezo do curso escolar”.