Publicada a resolución provisional de premios para deportistas individuais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Deportes destina 100.000 euros a esta convocatoria, que amosa o alto rendemento en modalidades como atletismo, piraguismo, taekwondo ou triatlón
escolas-deportivas-patinaxe-tenis-deportes
Escenario
23 Jul 2024

O Boletín Oficial da Provincial publicou a resolución provisional dos premios a deportistas individuais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, cun investimento total de 100.000 euros.

230 deportistas figuran na resolución provisional das bolsas, que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros e que teñen como obxectivo apoiar a mellora e perfeccionamento de deportistas de modalidades individuais, ata os 35 anos.

Na avaliación das solicitudes, valóranse os resultados deportivos acadados en probas e campionatos na respectivas categorías -desde campionatos mundiais e europeos ata galegos e provinciais - ao longo de 2023, de acordo cos baremos establecidos nas bases.

A triatleta lucense Noelia Rey, terceira no campionato do mundo de tríatlon na súa categoría, e o piragüista lucense Nicolás Martínez, oitavo no campionato de europeo e campión español de paracanoe, recibirían, de acordo con esta resolución provisional, as maiores contías (2.500 euros), xunto a Adrián Ben, cuarto no campionato do Mundo de Budapest, e ao padexeiro lucense Ramón Fernández, campión de España de paracanoe (2.000 euros).

O piragüista ribadense Nicolás Gayol, sexto no campionato do mundo e prata no campionato estatal, a atleta do Saviñao Nuria López, tricampioa de España - 100 metros, lanzamento de xavelina e lanzamento de peso – sitúanse tamén nos primeiros chanzos (1.500), seguidos da atleta Xela Martínez, campioa de España, Laura Álvarez, Marco García e Carlos Rey, taekwondistas do Neka de Monforte, que lograron podios europeos e estatais nas súas respectivas categorías, as piragüistas Noa Díaz, Enma Devesa e Marcos González, con notorias participacións en mundiais e ouro en campionatos españois, o triatleta Esteban Basanta, sexto en Europa e campión estatal, a especialista en orientación Sofía Martínez, cuarta no campionato europeo e campioa de España ou o nadador Mauro Rodríguez, campión de España e galego (1.000 euros).

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro destacou “o alto rendemento das e dos deportistas que se presentaron á convocatoria, que recibiu un número de solicitudes récord” e explicou que “estes premios tratan de recoñecer o esforzo e dedicación que supón a competición deportiva e colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou material deportivo” . O responsable provincial lembrou que “se reservan un 7 por cento das bolsas para deporte adaptado, reforzando o potencial inclusivo do deporte”.

A resolución – publicada no Boletín Oficial da Provincia o sábado 22 de xullo - establece un prazo de alegacións de dez días hábiles, ata o 5 de agosto.

0.16182613372803