Publicadas as listaxes de admitidos no Aprende Xogando de Lugo
O Concello de Lugo vén de publicar as listaxes de nenos admitidos no programa Aprende Xogando para as vacacións de verán, correspondente ás tardes dos meses de xullo, agosto e setembro e ás mañás da última semana de xuño, xullo e agosto e primeira semana de setembro.
Neste trimestre, a diferencia dos anteriores, admitiuse a solicitude por meses independentes, en lugar do trimestre completo, co fin de adaptarse ás vacacións estivais dos pais e das nais.
As listaxes poderanse consultar nas dependencias da Casa da Muller e en cada un dos locais municipais onde se vai desenvolver o programa, é dicir, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa e Uxío Novoneyra, así como na Casa da Música.
Permanecerán expostas ao público cinco días durante os que se poderán efectuar as reclamacións pertinentes.
Nos dous días hábiles seguintes á finalización do prazo de exposición e unha vez atendidas as reclamacións, elaborarase a lista definitiva de admitidas/os que será obxecto de exposición nas dependencias da Casa da Muller e en cada un dos locais municipais onde se desenvolva o programa. No suposto de que non se presenten reclamacións, a lista provisional elévase a definitiva.