Publicado o programa da nova edición de 'O que queda de verán'

A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou unha nova edición do ciclo de espectáculos para público infantil e familiar 'O que queda de verán'. "Trátase dunha serie de espectáculos na rúa de teatro e circo con propostas de moi diferentes estilos", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "supón unha mostra do mellor en actividades de rúa que ofrece Galiza, o resto do estado e de propostas internacionais para desfrutar en familia".
O que queda de verán comezará o vindeiro xoves 07 de agosto na Praza Anxo Fernández Gómez, e incluirá cinco espectáculos que se celebrarán semanalmente ata o 4 de setembro. Maite Ferreiro destacou que "a resposta do público estes últimos anos fai que un ano máis dende a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua apostemos por esta programación que enche as nosas rúas de arte e achega de xeito gratuíto a cultura a todas aquelas que se acheguen".
Para a concelleira O que queda de verán "é xa unha cita imprescindible para aquelas persoas que pasan os meses de verán na nosa cidade, xa sexan de Lugo ou visitantes dun turismo que, ano tras ano, medra na nosa cidade" por verse, incide Ferreiro, como "un lugar vivo e activo no que sempre hai algo que facer e a cultura está presente".
A programación para público familiar da área de Cultura continúa esta semana, coa última función de Tarde e Tardiña este xoves, 31 de xullo. A compañía Pistacatro achegará a Lugo o seu espectáculo "Sen Patrón"
Programación 'O que queda de verán 2025'
7 Agosto. “Ovella Negra” de Dúo Laos.
Sinopse: Ser a Ovella Negra da familia non está ben visto dentro do sistema familiar. Ser diferente pode ser complicado e non sempre ser ben entendido. Dúo Laos preséntanos unha comedia acrobática de dúas ovellas negras creando o seu propio rabaño. Unha homenaxe a todas aquelas persoas que tiveron que agochar a súa identidade para desenvolverse e expresarse.
14 Agosto. “El Minotauro” de Cía Nacho Flores.
Sinopse: Un espectáculo que trata a doma clásica desde un punto de vista metafórico. O domador, coa súa obsesión polo control total, volverá gradualmente á súa infancia montado nun balancín xigante. A viaxe de transformación do personaxe permitiralle crear diferentes esculturas en equilibrio.
Baseado na investigación arredor da dominación, Domte concíbese como unha obra participativa onde o público colabora na construción das estruturas.
A peza é unha oda á colaboración na confrontación coa dominación.
21 Agosto. “Crescendo” de Cía Garrapete.
Sinopse: Dous músicos extravagantes interpretan con precisión, pezas musicais moi orixinais e, ás veces, poéticas, combinándoas coa marabillosa loucura dos pallasos que aparecen no escenario.
A poesía, a música en directo e o humor pretenden entreter e conmover a través de dous personaxes que, sen falar, teñen acento, berran poemas e parecen tan brillantes que un pensaría que son idiotas.
"Crescendo" é un divertido espectáculo musical e de pallaso da compañía Garrapete baixo a dirección de Pablo Ibarluzea, un dos directores máis destacados do circuíto teatral.
Xuntos, crean un espectáculo que tamén se pode definir como un crescendo: aumenta gradualmente en intensidade ata deleitar ao público.
28 Agosto. “Gota” de Txema Muñoz.
Sinopse: Baixo un teito de nubes, na rúa, un caldeiro recolle a auga que non cae do ceo. A chuvia desapareceu e agora so queda un recordo onde a ficción e a maxia afunden nun goteo constante de enganos teatrais.
Unhas gotas imaxinarias convertese en ritmos constantes de sorpresa, revelando unha coreografía de imaxinación e fantasía que leva a esta creatividade a xogar co absurdo.
Unha cunca que aparece, un fluír de moedas inquedas nos petos e culleres que non deixan de agromar a cachón das mangas.
4 Setembro. “Ciganí 100%” de Pistacatro.
Sinopse: Os xitanos balcánicos chegan á cidade. Veñen sen papeis, infrinxindo as leis, alterando a orde pública, transgredindo tódalas normas. Non saben comportarse, son un auténtico furacán na rúa. A xente rirá e chorará con eles, porque todas buscamos encaixar, todas buscamos o noso lugar no mundo máis alá de calquera fronteira, todas levamos a unha cativa tola dentro, con ganas de xogar. Tocarán, bailarán, cantarán, farán malabares con ladrillos, boxearán cos seus fillos, casarán con quen sexa, dispararán, fuxirán da policía, farán de todo por roubarlle un sorriso… e uns euros. Ao final, o grande número da mini-moto e o Salto Mortal de Lume.