Que esperan os lugueses dos políticos para este novo ano 2026?

LugoXa
Representantes de distintos ámbitos da sociedade aproveitan o inicio do novo ano para expresar os seus desexos de Aninovo, centrados na mellora dos servizos públicos, no impulso económico e na consolidación de proxectos que contribúan ao desenvolvemento da cidade
Avenida-da-Coruña-Lugo
9 Jan 2026

Jessica Fernández

O ano 2026 chega a Lugo marcado por un contexto de estabilidade no ámbito político local, cun goberno municipal conformado polo PSOE e o BNG e encabezado polo alcalde socialista Miguel Fernández, que asumiu o labor fronte ao goberno local en marzo, tras o falecemento da anterior alcaldesa, Paula Alvarellos.

Este novo exercicio preséntase como antesala das eleccións municipais previstas para 2027, unha cita que comeza xa a perfilar o horizonte político da cidade. Neste contexto, representantes de distintos ámbitos da sociedade lucense aproveitan o inicio do novo ano para expresar os seus desexos de Aninovo, centrados na mellora dos servizos públicos, no impulso económico e na consolidación de proxectos que contribúan ao desenvolvemento da cidade.

Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Provincia de Lugo, espera que os políticos fagan unha xestión “accesible, inclusiva, igualitaria e sostible; que non deixen a ninguén fóra e que traballen para toda a sociedade”. Así, di que “deben ter en conta os dereitos culturais de forma real, a través de todos os programas que desenvolvemos, xa que cada iniciativa que se faga debe ter un estudo do que está pasando, que podemos facer e planificar para que poida ser sostible, poñendo a sociedade de Lugo no centro e atender as necesidades reais para que poidan ter continuidade”. Tamén engade que espera que “se deixen de liortas e traballen todos xuntos polo ben da cidadanía, xa que é unha responsabilidade colectiva; nin partidista nin individual”.

Pola súa parte, o presidente de Cántigas e Frores, Anxo Vilabrille, comparte con Encarna a necesidade de que as institucións públicas traballen conxuntamente en favor da cultura. “A unión fai a forza e necesitamos que todos apoien a nosa cultura, deberían valorala e tela en maior estima. A partir de aí, todo acto que se poida facer en relación a manter as tradicións e mantelas, a xa sexa a través de exposicións, actuacións, etc. pero que os que estamos inmersos na posta en valor da cultura sentísemos de verdade que os políticos están interesados pola cultura”, destaca.

Desde o asociacionismo lucense, Nuria Neira, delegada de Auxilia, pide que os políticos “sigan pensando na accesibilidade, xa que hai puntos de Lugo que aínda non son accesibles e que se poden ir mellorando. Parécenos interesante tamén poñer o foco no Patrimonio, porque hai unha zona bonita sen accesibilidade; e por exemplo, xa nos dixeron que van empezar as obras para instalar un ascensor na Catedral para subir ao museo catedralicio. É interesante que calquera obra que se faga na cidade conte con nós para facela accesible para que tanto as persoas con discapacidade como os maiores poidan desfrutar de todos os espazos. O noso obxectivo en 2026 é que todos os puntos que quedan por mellorar na cidade en canto a accesibilidade, se vaian facendo”, conclúe.

Outro dos sectores representados na sociedade lucense, e cada vez máis, é o das persoas migrantes, acollidas en diversas entidades, como a Asociación Rioplatenses de Lugo, que preside Nicolás Ravelli, que é, á súa vez, director da orquestra Terra Nova. “Hai un Lugo, eido asociativo, que ve con moi bos ollos o cambio que se produciu nas institucións con respecto á integración que se está a levar a cabo a través de iniciativas, que o que fan é poñer Lugo no mapa e invitar á xente a que veña. Pouco a pouco estase indo cara a iso, por iso pedimos que sigan nesa liña porque a clave está aí, nun Lugo máis aberto e integrador”.

Tamén Anjhara Gómez, presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, quixo pedir, para este 2026, que a clase política “siga apoiando as iniciativas e a visibilización que facemos desde AELU do papel da muller na sociedade, non só dentro da empresa, como un exemplo de traballo e mobilización social, porque é algo fundamental”. Di que está contenta co apoio recibido durante este o ano 2025, e espera que “sigan apoiando esa proxección social da muller”.

O presidente do Club de Natación Portamiñá, Fernando Timiraos, cre que, no ámbito deportivo lucense, e concretamente para o ámbito da natación, “o máis interesante sería a construción dunha piscina climatizada cunha lonxitude de 50 metros, xa que somos a única capital galega que non conta con ela. Isto supón que os nosos nadadores adestran en piscina de 25 metros e cando competimos en campionatos nacionais témolo que facer en piscina de 50 metros, e con nadadores que adestran nesas instalacións. É como se un xogador do Club Deportivo Lugo adestra nun campo de fútbol sala e despois compite no Anxo Carro”. Porén, recoñece que “os tempos non son sinxelos economicamente, pero pódese empezar coa redacción do proxecto e despois conseguir os cartos”, destaca. Considera, ademais, que os políticos de Lugo “deben apostar máis polo deporte en Lugo, non só pola natación, senón por todos os deportes e contar cunhas instalacións axeitadas para o desenvolvemento deses deportes”. Este argumento lembra outras demandas de clubs como o CHL Meigas, que denunciou as goteiras no pavillón municipal Daniel Cordido, ou a afección do Ensino e do CB Breogán, que demanda un Pazo dos Deportes novo en Lugo, xa que alberga partidos de baloncesto de ACB, primeira liga de baloncesto nacional.

Finalmente, Luis Latorre, presidente da Asociación Lugo Monumental só pide unha cousa: “Que escoiten”. Di que os políticos deben “sentarse, debater, escoitar á xente que non está de acordo co que se propón. Creo que falta moita altura de miras en Lugo, e falo de todos os grupos políticos, que deben atender máis ao que demanda a cidadanía”. Concretamente, din que os proxectos máis importantes para 2026 é “saber o futuro da Estación de Autobuses e que terminen as obras do centro, xa que seguen tres rúas en mal estado: rúa Nova, Quiroga Ballesteros e San Marcos, que a xente segue caendo”, explica.

⚙ Configurar cookies
0.079936027526855