Canto dura o Arde Lucus?

LugoXa
O Arde Lucus rematou este domingo, pero o traballo vai máis aló. As 19 asociacións que fan posible a festa, desmontan os seus campamentos.
Arde Lucus desmontaxe (10)
13 Jun 2022

O Arde Lucus continúa para as 19 asociacións de recreación histórica da cidade que dan vida ás festas e que mañá terán que deixar desmontados os seus campamentos.

A calquera que se lle pregunte canto dura o Arde Lucus, contestará que tres ou catro días. Pero, o certo, é que para as 19 asociacións que o fan posible as festas comezan unha semana antes.

O sábado anterior comeza a montaxe dos diferentes campamentos que, nalgún caso, dura toda a semana. O Concello pon seguridade, pero só polas noites, polo que, segundo aseguran os colectivos, non se atreven a levar as cousas de máis valor ata o xoves ou o venres, días nos que comezan as actividades.

Unha semana de montaxe que culmina cunha fin de semana repleta de actividades, dende as 11 da mañá, ata pasadas as 12 da noite. Con todo, o domingo ás 19.00 horas pechan os campamentos, pero non remata aí. Mentres parte dos membros das asociacións participan no acto final, a outra parte, quedan desmontando as instalacións e cargando os primeiros viaxes de furgonetas.

E é que tras ter unha semana de montaxe, contan con tan só dous días para desmontar. Especialmente, as asociacións que sitúan as súas bases no Parque de Rosalía de Castro. Un feito que obriga, a moitos membros, a coller días das vacacións para poder facer fronte a este gran traballo.

As valoracións oficiais deste Arde Lucus chegaron hoxe. Ao igual que o número de asistentes que volveu, moi seguramente, a cifras dos últimos anos pre-covid. Algo que medirá o éxito desta edición.

Mais o verdadero éxito mídese preguntando á xente qué lle pareceron as festas e as súas actividades. E é que as máis de 400 actividades que se concentraron nesta fin de semana acaban sabendo a pouco. O pulso da rúa, no día de onte, era de descontento en moitos casos, por polo retraso xeralizado de moitas das actividades grandes, entre elas, os atropelados desfiles ou o acto final, que comezou con media hora de retraso.

No mesmo senso, a xente criticou o punto final das festas, o concerto das Tanxugueiras. O caos xerado ao situar esta actividade na praza de Santa María sen prever, a organización, a cantidade de xente que acudiría levou consigo grandes aglomeracións nas rúas aledañas.

Segundo as últimas informacións oficiais, o "éxito rotundo" destas festas tan agardadas, "deixaron un gran sabor de boca , tanto como revulsivo económico, como dinamizadora da cidade en todos os sentidos", en palabras da rexedora, Lara Méndez.

Lara Méndez destacou, primeiramente, con esa cualificación sobresaínte as repercusións que a celebración tivo no eido económico. A verdade é que isto é unha inxección económica para a cidade a todos os niveis, tanto para a hostalaría, onde a ocupación rondou o 100% durante toda a fin de semana non só na capital senón tamén en localidades limítrofes, sendo o primeiro sector máis beneficiado, pero tamén redundou moi positivamente no comercio local e no resto de establecementos”, sostivo.

O 2022 será, por tanto, segundo a rexedora, un punto de inflexión para o Arde Lucus e para conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, “un obxectivo para o que levamos moito tempo traballando”.

De feito, a participación foi moi intensa, tanto por parte de toda a cidadanía como tamén de quen nos visitou dende outros puntos de Galicia, de España, do estranxeiro, de moitos países de distintas procedencias como Sudamérica, Norteamérica, ou Europa”, subliñou a rexedora.

Se volvemos á pregunta inicial sobre canto dura o Arde Lucus, teriamos moitas respostas, en función de a quen lle preguntaras. Para uns, os membros das asociacións, dura cada ano, todo o curso escolar -de setembro a xuño- cheo de ilusión e ganas de amosar cousas novas. Para outros, como o concello, quizáis uns meses de traballo extra. E para aqueles que visitan e desfrutan do traballo das asociacións, durará unha fin de semana.

EN CIFRAS

Malia que, polo momento, non hai cifras da afluencia de xente que gozou do Arde Lucus, o certo é que si se pode deducir a cantidade de persoas que percorreron o casco histórico polas toneladas de lixo recollido dende o pasado venres ao mediodía e que ascenderon a 383.700 quilos, superando en máis dun 7% os do ano 2019.

Outro dos grandes indicadores, é sen dúbida, o alcance que tiveron as redes sociais municipais, xa que a comunidade das contas oficiais do Arde Lvcvs (Facebook, Instagram, Twitter e Youtube) medrou un 4,7% en total, acadando un global de 42.315 seguidores. Respecto aos contidos audiovisuais publicados, os vídeos rexistraron máis de 332.000 reproducións.

Así mesmo, nos últimos 28 días, os contidos publicados a través das canles superaron o millón de impresións (número de que veces se mostraron) chegando a máis de 600.000 persoas de varios países e continentes, entre os que destacan por orde, ademais de España: Portugal, Bolivia, Estados Unidos, Arxentina, Italia, México, Reino Unido, Brasil, Ecuador, Colombia, Paraguai, Perú, El Salvador, Indonesia, República Dominicana, Nicaragua, Francia, Alemaña, Venezuela, Guatemala, Suiza, Honduras, Chile, Rumanía, Uruguai.

A rexedora quixo, igualmente, poñer en valor o traballo realizado tanto por parte do Concello, dende a área de Xuventude e Deportes que dirixe Mauricio Repetto, por todos e todas as técnicas municipais, así como o levado a cabo polas 19 Asociacións. “Un labor intenso e moi rigoroso, imprescindible, que avaliamos con outro 10 e que alén dos colectivos lucenses facemos extensivo a todas aquelas que viñeron doutros lugares de España e que nos acompañaron, enriquecendo as nosas festas”.

0.17651200294495