Que os cochos da guerra deixen a Cuba en paz

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
En Faíscas que espalla o vento, Raúl Río fai un percorrido polos feitos da historia máis recente e coa perspectiva actual
7 Aug 2021

Por Raúl Río

A miña relación, o interese e admiración pola illa caribeña ven desde moi cedo, pois miña nai naceu no barrio habaneiro de Vedado e alí miña aboa Felipa aprendeu de comadroa para logo salvar moitas vidas nos Vilares de Díaz Castro e noutras parroquias veciñas.

Desde neno fixen un seguimento das mentiras que a prensa contaba da guerra revolucionaria e do seu triunfo, en xaneiro de 1959. Despois aledábame cos logros en emancipación, igualdade social e desenrolo humano, pero sempre me asombrou a súa solidariedade con outros pobos mais necesitados, ao mandar miles de mestres e 145.000 médicas e sanitarias a mais de 74 países de África, América, Euro-Asia e Oriente Medio, levando a Cuba rapaces e rapazas deses pobos para que estuden gratuitamente medicina na Universidade da Habana e que logo regalen saúde e vida ás súas xentes.

Sen buscalo, esa revolución ten como inimigo principal ao imperialismo ianqui, ”os cochos da guerra” (como lles chama o historiador estadounidense Stuart D. Brandes) e aos seus lacaios dalgúns países capitalistas, monicreques dese imperialismo asasino e criminal que a bloqueou desde o seu triunfo, xa fai mais de 60 anos. Afirman eles, e os seus medios de desinformación repiten ata a saciedade, que se trata dunha ditadura, pero nunca se viu unha ditadura que sexa solidaria cos países mais necesitados, empregando nesa tarefa unha parte dos seus limitados recursos, nin nun país que quere instruír á súa sociedade para que ata os nenos teñan capacidade de pensar por si mesmos. Nunca vin un estado ditatorial que aposte por un dos mellores sistemas gratuítos e universais do mundo en ensino e saúde. Iso amósanos que os seus gobernantes poñen en valor á humanidade enteira e a vida das persoas, ante os intereses económicos e das grandes multinacionais. Nada que ver co desapiadado sistema ianqui no que a xente morre na rúa si non pode pagar un seguro sanitario.

Nunca saíu tampouco, na Cuba revolucionaria, un tanque para enfrontarse ao seu pobo; nunca a policía utilizou balas (nin sequera de goma, que mataron a tantas persoas e tantos ollos rebentaron nesta democracia borbónica á turca) nin utilizaron canóns de auga, botes de fume ou gases lacrimóxenos para disolver manifestantes, como fan aquí. Sen embargo, este tipo de democracias represivas e ditaduras fascistas disfrazadas de democracias son postas e protexidas polo imperialismo en Colombia, Honduras, Chile, Brasil, Haití, Xamaica e outros pobos do seu “patio traseiro”, por iso, a pesar dos miles de asasinatos e masacres policiais, non protesta a prensa corporativa nin os seus lacaios da OEA, da UE ou da submisa ONU. Pero non, en Cuba o presidente Díaz Canel mandou saír á rúa á poboación, para demostrar que son unha gran maioría os que están coa revolución e para que non tivera que intervir a policía ante os actos vandálicos e as pedras que lles tiraban os manifestantes. Non se pode alcumar de ditatorial a quen loita pola emancipación, pola igualdade, pola ciencia e o desenrolo humano, pero Cuba é unha “ditadura” que manda mestres e médicas a outros países pobres para loitar pola cultura e pola vida, mentres a “democracia” ianqui mándalles bombas e soldados que causan terror, morte e destrución.

O goberno recoñece os problemas causados polo bloqueo, pero os manifestantes non reivindican a forma de solucionalos, senón temas políticos: “democracia, liberdade e a dimisión do goberno socialista”, baixo o lema “SOS Cuba” e a bandeirola, inventada e aportada aos manifestantes por Rosa María Payá, filla de Oswaldo Payá, que morreu en Cuba o 22 de xullo de 2012 nun accidente por exceso de velocidade, nun coche que conducía o secretario xeral de “Nuevas Generaciones” do PP, Ángel Francisco Carromero Barrios, e do que ela culpou ao Goberno Cubano. Propietaria da poderosa ONG, “Fundación para la Democracia Panamericana”, financiada polas elites neoliberais e polo Goberno de EE.UU, os cochos da guerra, que impoñen as ditaduras mais criminais neses países e subvencionan os golpes de estado onde hai gobernos populares e democráticos que non son do seu agrado. Por iso non se trata dun movemento espontáneo, senón ven organizado, pois non había unha algarada na que non houbera bandeiras deseñadas por Rosa María.

O movemento desestabilizador vai mais alá das pequenas algaradas e ten como obxectivo outros proxectos de mais calado que procurar o benestar do pobo cubano. Mais ben todo o contrario, pois o alcalde de Miami, Francis Suárez, xa pediu ataques aéreos estadounidenses contra Cuba mentres premía para unha intervención militar que forzase un cambio de réxime na illa. Nunha entrevista na televisión Fox News, pediu ás forzas estadounidenses que bombardearan A Habana, poñendo exemplos anteriores da chamada “intervención humanitaria”, pero sen citar os regueiros de morte e destrución que deixaron en Bosnia, Irak, Siria ou Libia.

Menten coma toda a dereita fascista, esaxerando as protestas con fotos sacadas en Exipto como si fora o Malecón; da “Diada” de Catalunya, como si fora o Paseo José Martí; que Raul castro se escapara para Venezuela e fotos da poboación revolucionaria aparecen nos medios como contrarias ao goberno. Esta que acompaña o artigo foi publicada, entre outros, polos diarios El Mundo e El País, o que me fai pensar que, ou nos toman por tontos, ou o odio a Cuba non lles deixa ver as faixas do Movemento “26 de xullo” que delatan as súas mentiras e a súa ruindade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15885305404663