Quedan abertas todas as estradas provinciais tras un operativo para paliar os efectos da neve
A Deputación de Lugo mantén un operativo para paliar os efectos da neve e as chuvias nas estradas provinciais dos concellos da provincia afectados nas últimas horas. Nesta tarde quedou aberta a totalidade da rede viaria provincial tras unha mañá de intenso traballo.
Os concellos máis afectados pola neve foron os de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Baleira, Triacastela, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Quiroga. Pola súa banda, en Mondoñedo, á altura da parroquia de Santa María Maior, a LU-P-3103 sufriu un afundimento por mor das intensas chuvias.
A institución provincial traballa para dar unha solución no menor tempo posible a esta incidencia e garantir así a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía. O operativo despregou a 48 operarios e 32 máquinas e vehículos, dispoñendo, así mesmo, dos 12 silos de sal da Deputación abastecidos con 35 toneladas cada un.