Queixas polo desmantelamento da Fábrica da Luz
"A fábrica da luz e ún edificio cunha localización moi boa e cunhas posibilidades de aproveitamento económico no río excepcionais", así comezou falando o vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, para despois lamentarse profundamente da situación na que se atopa “totalmente desmantelada despois de moitos anos nos que o PSOE optou por mirar cara outro lado mentres esta dotación esmorecía pouco a pouco".
A imaxe do interior desta dotación “é desolador, xa que está totalmente valeira de contidos, equipos ou calquera tipo de instalación que debería de haber nun edificio destinado á producción de enerxía eléctrica a través da corrente da auga", di Ameijide. “Agora entendemos o veto que a alcaldesa sempre nos puxo para entrar neste edificio, quixo demorar ao máximo que a cidadanía soubese a realidade desta instalación".
Unha situación derivada “das cacicadas do PSOE e da incompetencia e falta de rigor e de traballo” dos anteriores gobernos socialistas, que contaron coa imprescindible complicidade do BNG, que provocou que a empresa que tiña a concesión para a explotación da Fábrica da Luz solicitase a rescisión do contrato debido aos incumprimentos do goberno de Lara Méndez.
Recorda o concelleiro popular que “a obra da Fábrica da Luz naceu condenada a fracasar”. Iniciouse en 2008 cunha concesión que estivo baixo investigación xudicial, e “se xa naceu viciada esta obra, despois foi boicoteada desde dentro do goberno socialista”, criticou.
"A realidade é que o concelleiro do PSOE con responsabilidades directas e exclusivas na xestión do medio ambiente na cidade e da Fábrica da Luz, Daniel Piñeiro, está vinculado a asociación que denunciou esta obra. Un complot político no que tamén tiveron que ver cargos nacionalistas, como o vicealcalde, a concelleira de Cultura e un asesor político do BNG no Concello de Lugo, que estiveron nas protestas contra a Fábrica da Luz", engade o voceiro popular. "A propia alcaldesa desatendeu ata 5 requerimentos, tanto da empresa como da confederación hidrográfica, que a instaban a solicitar a prórroga da concesión, algo que fixo fora de prazo e provocou a sentenza millonaria que condena a pagar aos lucenses 2,5M€ de indemnización á empresa adxudicataria".
Unha situación pola que o Grupo Municipal do PP optou por defender dende o primeiro instante os intereses dos lucenses, para evitar que a Fábrica da Luz se convertese nun novo Garañón e tivesen que ser os cidadáns os que pagasen a indemnización que o xulgado dictaminou que lle corresponde a empresa que tiña a concesión da Fábrica da Luz.
Unha situación que propiciou que os populares defendesen no pleno, en xuño de 2020, que sexan os políticos responsables do fracaso do proxecto da Fábrica da Luz os que paguen a indemnización que provocaron e que ascende a 2.434.332,16€, un expediente que a día de hoxe non se iniciou polo que "todo apunta a que Lara Méndez segue a protexer os seus intereses persoais e os dos seus compañeiros de partido", di Ameijide.
Antonio Ameijide explica que nada máis se sabe deste expediente polo que advirte tanto a Lara Méndez como a Rubén Arroxo que ao PP “non lle vai tremer o pulso” para estudar todas as vías legais dispoñibles para que sexan os políticos responsables os que paguen a indemnización e se tanto a alcaldesa como o vicealcalde poñen barreiras a esta saída tamén “pediremos responsabilidades a ambos e terán que explicar aos lucenses que intereses defenden, os dos lucenses ou os dos seus amigos políticos”.
Para os populares a Fábrica da Luz é un edificio que ten un gran potencial turístico e económico para o Concello de Lugo, un edificio cunha localización moi boa e cunhas posibilidades de aproveitamento económico no río excepcionais.
Concello de Lugo
Con relación a estas declaracións o goberno local trasladou que "en primeiro lugar, é categoricamente falso que o inmoble estea desmantelado ou destrozado. Toda vez que o procedemento xudicial rematou e foi posible facilitar o acceso ao mesmo a eles mesmos e pese ao que agora comunican, puideron comprobar que a Fábrica da Luz só acusa o paso do tempo. O que se vé é un espazo diáfano e o equipamento técnico, do que no seu día se fixo uso, e que ía ser musealizado", di o portavoz municipal Miguel Fernández.
“A vontade deste Goberno, que xa foi anunciada anteriormente e que pasa pola realización dunha consulta pública de proxectos, mantén a idea de conservalos mediante a súa musealización como complemento da finalidade que se acorde e tal e como se tiña previsto xa no proxecto primixeneo que existía para esta dotación. Outra cousa son os coñecementos técnicos ou a diposición por adquirilos que sobre esta cuestión reflicte o Partido Popular e que semella nula cando, xa á propia vista das imaxes que eles mesmos remiten, aseguran que o edificio está baleiro”, afirmou o portavoz municipal.
Neste senso, o Concello procederá nos vindeiros meses á apertura dunha consulta pública para achegar propostas para a instalación. E, toda vez que esta é, de novo, propiedade da Administración local o integrará dunha forma coherente no conxunto de proxectos cos que se pretende revitalizar a contorna fluvial da cidade, dentro dos que se atopan as Caldas, como revulsivo turístico e de ocio local, pero tamén a mellora dos accesos ao río – a través da ampliación do paso soterrado, a rehabilitación da Calzada da Ponte e a construción da Pasarela sobre a Nacional VI – e a recuperación medioambiental das ribeiras fluviais onde recentemente foi acondicionado todo o parque e o mobiliario urbano que acolle.
“Unha vez máis o Executivo local quere comunicar que todas as decisións que se foron adoptando durante o procedemento, dende o minuto un, seguiron escrupulosamente as indicacións realizadas polos técnicos. Tamén, neste caso, a última determinación de non seguir recorrendo en vía xudicial, logo de 7 anos de causa aberta, co obxectivo de acadar unha diminución dos custos que o Concello debe afrontar. Un acordo que minorou considerablemente a cantidade de intereses que haberá que abonar á empresa”, subliñou o Fernández.