Queixas polo estado no que está a Casa da Lavada de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira urxe ao rexedor a tomar medidas para “garantir a seguridade na zona, despois de catro anos de abandono"
casa-das-lavadas-de-pol
1 Feb 2025

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, amosa a súa preocupación pola situación de “inseguridade que xera na zona o derrubamento da Casa da Lavada” que o alcalde ten abandonado desde que o mercou no 2021. Catro anos despois, “recoñece que xa estaba en mal estado, pero non foi capaz de tomar ningún tipo de medida de protección ante o risco de derrubamento nin de darlle un uso en beneficio dos veciños. O que lle pedimos dende o Grupo Municipal Popular é que tome as medidas necesarias para garantir a seguridade”.

Grueira censura, ademais, a xestión de Lino Rodríguez á fronte do Concello, que acumula unha débeda de máis de 3 millóns de euros. A situación deste inmoble é “un claro exemplo” do tipo de xestión que está a facer o rexedor socialista de Pol: o malgasto de diñeiro dos veciños”; xa que “se perde o valor dun inmoble de titularidade municipal sen que chegase a ser de utilidade para os veciños”.

A voceira do PP incide en que “o rexedor socialista gasta o diñeiro na compra de inmobles que quedan abandonados e sen poñer ao servizo dos veciños. Gasta pero sen que supoña ningún tipo de beneficio para os veciños de Pol”, subliña.

Grueira defende, pola súa banda, “a responsabilidade na xestión do diñeiro de todos” e cre que “o Concello debería priorizar a prestación dos servizos de competencia municipal atendendo ás posibilidades do seu orzamento”.

E engade que “iso non quita que se puideran facer investimentos para a mellora de Pol e da calidade de vida dos veciños; pero ao alcalde esquéceselle a situación económica do Concello, á que se chegou debido á súa mala xestión”.

A popular considera curioso que o rexedor diga que pretende habilitar unha biblioteca nese espazo cando “ten pechada a biblioteca que xa había”.

0.17309188842773