“Queremos evolucionar cara a arriba e acoller cada vez campionatos maiores”

Jessica Fernández
Como se formou o Club de Billar Adai?
Como parte da profesionalización do billar, deixando atrás os bares e xogando cada vez máis en clubs privados cun ambiente máis profesional como un deporte federado e de competición, un grupo de xogadores de Lugo, entre eles o presidente do club, Pablo Marqués pon en marcha o Club de Billar Adai na parroquia homónima do Concello do Corgo, de onde é o presidente. Así, o Concello deixounos unhas instalacións que estaban baleiras, que era a antiga escola de Adai, e alí puxemos en marcha o noso club en xuño de 2021. Así, a base de ir pouco a pouco e grazas ás subvencións conseguimos ter, a día de hoxe, seis mesas grandes de nove pés, coas que competimos, e dúas mesas de sete pes, que son as que adoitan haber nos bares. Unha delas é para que os veciños e veciñas que queiran poidan utilizala de forma gratuíta e que practiquen, sobre todo os nenos, e outra cedémola aos colexios por tempadas para que os nenos practiquen e se animen a vir ás clases que temos unha vez ao mes para os máis pequenos.
Cantos socios teñen?
Agora mesmo contamos con 40 socios e 200 licencias. Eses 40 socios pagan unha tarifa de 20 euros, o que dista moito das cotas que se pagan en Lugo, que roldan os 50 ou 60 euros. Nós, ao estar aquí na zona rural e ao ter que desprazarse, temos unha tarifa máis asumible. Ademais, como non pagamos nada de alugueiro, xa que o Concello do Corgo nos cede as instalacións, podemos permitirnos ter esa cota baixa. Con respecto ás idades, temos persoas de todos os rangos, pero si que estamos enfocados en promover que haxa máis nenos. No club somos tres os técnicos que estamos formados para ensinar aos máis pequenos e facémolo porque cremos que é importante dar clase de billar para ter canteira e promover o gusto polo billar. Ademais, queremos que veñan os nenos porque levar as mesas aos colexios non é sinxelo, aínda que si nos gustaría no futuro dar clases nos colexios.
Comentaba antes que contan co apoio do Concello do Corgo, teñen máis axudas?
Temos a gran sorte de contar co apoio do Concello para ter un local no que non temos que pagar nada, polo que as subvencións que pedimos van directamente á evolución do club, por iso medramos tan rápido. Ademais, contamos co apoio da Deputación de Lugo, que leva catro anos apoiando a celebración do Campionato Galego Feminino, e coa da Xunta de Galicia, que patrocinou dúas Copas de España Femininas, xa que nós, e eu concretamente, aposto moito polo deporte feminino. Temos moitas socias mulleres e impulsamos o seu recoñecemento. Ademais de organizar o campionato galego, tamén acollemos un evento feminino a nivel nacional cada ano. Todo o que se faga é importante porque ademais o billar é un deporte minoritario, non é como o fútbol. Por iso, todo o apoio que teñamos é necesario, xa que tamén existe unha afección que vai crecendo.
Que ten de especial o Club Billar Adai?
Somos o único club de España situado en núcleo non urbano, xa que todos os clubs de España se atopan en cidades, sobre todo en polígonos, xa que se necesitan superficies moi grandes, e a maioría son naves con moitas mesas. Así, á xente encántalle xogar no noso local porque ve as vacas desde a ventá. Aos xogadores encántalles, pero aos pais que traen aquí os nenos tamén, porque despois de xogar ao billar, poden saír e correr polo campo e xogar con outros nenos. É un ambiente moi san para os máis pequenos e dá tranquilidade ás familias.
Que valores se transmiten neste deporte?
O billar é un deporte individual, polo que intentamos transmitir que, a pesar da competición, esta debe ser amigable e sa sempre. Hai que xogar para intentar superarse a un mesmo e respectar ao contrincante. Ensinámoslles aos pequenos que, cando comeza un partido, hai que darlle a man ao rival e ao terminar igual, felicitando ao gañador.
Que actividades se promoven desde o Club?
Respecto ás actividades, o noso local está dispoñible para todos os socios as 24 horas do día, sobre todo de 09.00 a 22.00 horas, para que quen queira poida ir adestrar e xogar cando queira. Ademais, temos clases para nenos unha vez ao mes. Logo, somos sede do ranking galego absoluto, que fai seis probas na tempada para que se xoguen os galegos absolutos, masculinos e femininos, e está toda a categoría xunta. E tamén temos torneos propios. Por exemplo, este ano fixemos un circuíto gastronómico, con paradas en distintos restaurantes do Corgo. Sempre intentamos, sobre todo, dinamizar o municipio do Corgo. Tamén fixemos un ranking para levar un xogador e competir en Las Vegas nun campionato mundial. E ademais facemos o famoso torneo Feira de Adai, que temos feira o 13 de xuño nel compartimos cos veciños, comemos polbo e poñémoslle en valor a un dos eventos máis importantes do pobo.
Cales son os proxectos de futuro?
Nós o que queremos é evolucionar cara a arriba e, como proxecto máis urxente, é organizar un campamento de verán na escola para os nenos e nenas, aproveitando o feito de estar na natureza e o deporte do billar. Incluso, se puideramos acampar, sería xenial, pero necesitamos contar con apoio das institucións. Despois, outro obxectivo é ampliar o número de mesas, polo que necesitamos que saian máis subvencións de material deportivo. Se tivéramos oito mesas, poderíamos optar a acoller campionatos maiores, como unha Copa de España absoluta e que todos os integrantes do club teñan a posibilidade de disputala; ou incluso un campionato internacional.
Que persoas destacan no Club Billar Adai?
Actualmente temos a Maite como a estrela do club, xa que é a única que se aventurou a chegar a unha carreira internacional. Ela está a investir o seu tempo e o seu diñeiro, algo moi importante neste deporte, onde non abundan os patrocinadores, polo que un mesmo ten que apostar por si mesma para converterse en profesional, e iso xa lle está a dar froitos: actualmente está no top 20 do ranking mundial feminino e vaille moi ben. É a persoa que máis destaca, pero, obviamente, tamén temos outros xogadores con moito talento. Contamos con Jesús Vázquez Vallejo, Javier Raposo, que conseguiron títulos a nivel estatal, e tamén Francisco Doval. Todos eles lograron títulos a nivel nacional e, se tivesen máis tempo para competir, porque moitas veces é difícil compaxinar co traballo e outras obrigas, estamos seguros de que obterían aínda mellores resultados. O billar tamén ten as súas tempadas: ás veces é complicado cadrar co traballo ou outras responsabilidades, e iso non permite dedicar todo o tempo que se quixera. A base de adestramento, intentamos que os xogadores melloren e poidan acadar máis éxitos, e aí estaremos sempre para apoialos.