Queremos Galego manifestarase na praza Maior este mércores en favor da lingua
Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego en Lugo celebrarán unha mobilización o 17 de maio en Lugo ás 12:00h na Praza maior. O lemá será En galego, aquí e agora, e aproveita a proximidade das eleccións municipais para reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, “porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas”. A Concentración contará ademáis coa actuación musical do grupo lucense Verter GZ.
Queremos Galego advirte da situación de emerxencia lingüística cando se fan 40 da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, “unha lei da que destacou máis o desleixo, a pasividade ou o boicot directo das administracións públicas -nomeadamente da Xunta, do Goberno español e do poder xudicial- que a vontade das institucións por reparar, repor e normalizar a lingua que une galegas e galegos” en palabras do voceiro da plataforma, Marcos Maceira.
As entidades que integran a plataforma levan 40 anos reclamando a oficialidade real, para poder recibir atención en galego sen obstáculos, para poder ver audiovisual en galego en igualdade de condicións, para ter o ensino en galego, para que haxa xustiza en galego, para que calquera acto da vida cotiá que a cidadanía queira desenvolver en galego non sexa unha dificuldade.
A plataforma denuncia “impedimentos de todo tipo”. As e os docentes denuncian que non poden impartir materias na nosa lingua, ben por impedimento legal ou por ausencia de materiais; a canle pública estatal non emite nin un só segundo de programación infantil ou xuvenil en galego; a administración dixital obriga, no mellor dos casos, a cidadanía a repetir constantemente que escolle a súa lingua; na xustiza e na saúde campa o ananlfabetismo en galego e á Xunta e ao goberno español nin lles importa que en reiteradas ocasión o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego. Neste contexto, é lóxico que o galego perda falantes mais tamén resulta incríbel e esperanzador que aínda así aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo. É esta conciencia reparadora a que está a garantir a existencia da nosa lingua”, afirma o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira. Os poderes públicos só cumpren as súas obrigas respecto á lingua cando a sociedade llo reclama.
Dende a plataforma piden que a cidadanía teña en conta a capacidade ampla que teñen os concellos e deputacións para garantir a presenza e dispoñibilidade da lingua galega en todas as actividades que dependen deles, tanto para que a Xunta e o Goberno español cumpran minimamente, como para que as empresas se sumen ao uso do galego. Se todas as entidades locais reclamasen en galego as pólizas de seguro, a documentación e xestións bancarias, a actividade das empresas mentres emprestan servizos a concellos e deputacións incluíndo nóminas e xestións, as escolas infantís municipais, as actividades extraescolares, comedores, sinaléctica en servizos privatizados de todo tipo, a situación do galego sería ben diferente.