Quiroga Ballesteros inicia a construción de novas zonas verdes
O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a rúa Quiroga Ballesteros, onde se están a construír as novas zonas verdes da praza peonil.
"Estamos a falar dunha das zonas máis importantes da cidade, onde se localizan instalacións históricas como a Praza de Abastos e o Mercado Municipal", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "dende o Goberno de Lugo melloramos esta zona histórica do centro, gañando todas as veciñas e veciños un importante espazo peonil".
Os traballos realizados na rúa incluíron a renovación do saneamento, as instalacións eléctricas e o alumeado público, ademais da renovación de rexistros, xunto co o mobiliario urbano para a nova rúa peonil que se está a instalar actualmente.
Arroxo lembrou que "o proxecto ampliouse para mellorar tamén a estética da parte baixa de Santo Domingo". Nesta rúa, actuouse no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro soterrado, gañando uns 120 metros cadrados de espazo humanizado, sen supoñer un custo a maiores no prezo final da actuación.