Rábade abre un ciclo de charlas sobre horta ecolóxica para todos os niveis

LugoXa | TerraChaXa
A primeira sesión celebrarase o 12 de abril, centrada nos primeiros pasos para comezar unha horta dende cero
curso-horta-ecoloxica-rabade
9 Apr 2025

A Asociación Galega de Custodia do Territorio vén de abrir o prazo de inscrición para o seu novo curso de horta agroecolóxica, pensado para aquelas persoas que desexen iniciarse ou afondar no cultivo ecolóxico, mesmo sen ter experiencia previa. O curso desenvolverase entre os meses de abril e xuño, en seis sesións de periodicidade quincenal que terán lugar os sábados pola mañá. Combinaranse contidos teóricos e prácticos adaptados a todos os niveis, co obxectivo de ofrecer unha formación completa e accesible.

A primeira sesión celebrarase o 12 de abril, centrada nos primeiros pasos para comezar unha horta dende cero. O 26 de abril abordarase a preparación das zonas de cultivo, mentres que o 10 de maio trataranse as técnicas de sementado e plantación. O 24 de maio falarase sobre como manter a horta mesmo tendo pouco tempo, o 7 de xuño será a quenda da nutrición e protección das plantas, e o 21 de xuño pecharase o curso cunha sesión dedicada á elaboración de sementeiros.

Todas as sesións incluirán prácticas no Prado da Ponte, onde se crearán bancais desde o inicio para aplicar os coñecementos adquiridos ao longo do curso. O prezo é de 15 euros por sesión, cunha tarifa reducida de 10 euros para persoas socias da AGCT e/ou empadroadas no concello de Rábade.

As prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa enviando un correo electrónico a casadasinsuas@gmail.com. Para solicitar máis información, tamén está dispoñible o teléfono 628 84 28 35.

⚙ Configurar cookies
0.19311308860779