Rábade acolle este sábado a primeira concentración moteira

LugoXa | TerraChaXa
A exhibición de Balles & Pichu Stunt, que se celebrará por primeira vez en Lugo, chegará ás 19:00 horas e promete ser un dos grandes atractivos do evento
concentracion-motera-rabade
22 Aug 2025

Rábade acollerá este sábado, 23 de agosto, a I Concentración Moteira Rábade Biker’s, unha cita que promete encher as rúas e o campo da feira de ambiente, motor e diversión. A xornada comezará ás 10:00 horas coa apertura de inscricións na Praza de España, e ás 11:00 arrancará unha ruta libre turística que incluirá unha pinchada gratis durante o camiño, con saída do centro da vila e chegada ao campo da feira.

Ás 13:30 iniciarase a sesión vermú con DJ Min, que tamén será o encargado de poñer música na festa final da noite. Xa pola tarde, ás 14:30, haberá outra pinchada gratis no bar da concentración, ás 16:30 desenvolveranse xogos populares e ás 17:30 terá lugar o esperado concurso de ruído.

A exhibición de Balles & Pichu Stunt, que se celebrará por primeira vez en Lugo, chegará ás 19:00 horas e promete ser un dos grandes atractivos do evento. A partir das 21:00 serviráse a cea e realizaranse sorteos de agasallos, antes de dar paso á gran festa de peche, a partir das 23:00, novamente con DJ Min.

O encontro contará con zona de acampada e as inscricións teñen un prezo de 30 euros para socios de motoclubes e 35 euros para o público xeral. O prezo inclúe benvida con caña, bolsa de agasallo, gorra, pegatina, antorcha, pinchada, cea e número para o sorteo. A organización lembra que as inscricións anticipadas poden realizarse ata o 16 de agosto.

A cita, organizada polo motoclub Rábade Biker’s, conta coa colaboración de múltiples empresas e entidades locais, e co apoio da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.20413494110107