Rábade acolleu unha ruta guiada organizada polo GDR Comarca de Lugo

O GDR Comarca de Lugo organizou onte un paseo guiado polo Concello de Rábade no que participaron medio cento de persoas chegadas de diferentes puntos da Comunidade.
A andaina, organizada polo Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa, estivo financiada pola Axencia de Turismo e Xunta de Galicia. Ademais, colaboraron o Concello de Rábade e a Panadería do Cantón, que ao rematar ofreceu unha degustación dos seus produtos na Casa das Insuas.
A alcaldesa, Reme González, e varios membros do equipo de Goberno sumáronse á actividade pola natureza cunha extensión de seis quilómetros.
A ruta comezou na Casa das Insuas con parada diante da ponte sobre o Miño para facer a foto de familia e paso pola ponte do tren e a ponte da N-VI. Tamén se fixeron paradas nas dúas árbores senlleiras coas que conta o Concello, na Praza de España, na capela da Virxe dos Remedios ou no Campo da Feira, entre outros lugares emblemáticos da vila.