Rábade, anos de espera para volver gozar do Cine Man
Lucía Blanco
Moitos son os edificios con historia que, malia o paso dos anos e as posibles reformas que sofren, quedan no imaxinario colectivo para sempre. Rábade ten a sorte de poder conservar un dos locais que mellor garda a esencia da vila. No antigo Cine Man naceron os recordos cinematográficos de moitos veciños, que lembran como alí viviron as súas primeiras sesións de cine, entre eles José María Prado, director da Filmoteca Española do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O edificio, situado na rúa Ángel Pena, moi preto da Casa Consistorial, abriu as súas portas no ano 1945 e contou con 415 prazas e pratea ata os anos 70. Con clásicos da época como Dónde vas, Alfonso XIII de Luis César Amadori ou Pierrot le fou de Jean-Luc Godard así como cos filmes de Cantiflas, Buster Keaton ou as cintas dos anos dourados de Hollywood, as súas butacas —ou cadeiras en función do abarrotado que estivera— foron o berce do amor pola sétima arte para moitos. Tempo despois, convertido na famosa sala de festas Agarimo, conseguiu atraer público de todos os puntos da comunidade e abarrotar durante as fins de semana un espazo modesto, pero que se posicionou como un dos mellores negocios de salas de baile de Galicia ata os anos 80, logrando competir na época dourada das macro discotecas.
A partir deste momento deu cabida a varios proxectos de pouco éxito e curta duración ata o seu peche definitivo. “Levaba moitos anos en desuso. A xente dunha idade si que recorda cando foi sala de festas, porque a etapa na que funcionou coma cine xa é máis antiga. Pero si que se lembra coma un inmoble cunha historia importante en Rábade e para os rabadenses”, conta a alcaldesa, Remedios González. Pero para poñer en marcha o inmoble, que é propiedade do Concello dende o 2019, aínda queda.
“Estaba moi deteriorado, tiña uns anexos ao lado que tivemos que derrubar, por exemplo, pero vai tomando camiño”. Nesa tarefa contaron coa axuda dos irmáns Coira que estiveron informándolles “un pouco de que era o que necesitaba unha sala de cine, son moi coñecedores do tema entón pedímoslle axuda nese aspecto e asesoráronos”. Finalmente, inaugurará unha nova etapa como sala de exposicións. “Vai máis cara iso que cara un centro sociocultural. Si que se van a realizar moitas actividades culturais pero queriámolo enfocar máis cara ese lado”.
DISTRIBUCIÓN
Pero á espera de ver por fin rematado un proxecto que se foi dilatando no tempo, o seu uso e os cambios non convencen de todo. “Despois de ver os planos, fixémoslle unha proposta co Concello e falamos coa asociación Fillos da Chaira. O que fan tira máis cara un espazo multifuncional que moitas veces significa que non vai a funcionar ben para nada en concreto”, explica Carlos Coira, fundador da compañía Pinconús Teatro. Asegura que se promove un inmoble no que “nalgún momento se pode realizar algunha actividade de teatro ou música, pero con moi poucos asentos porque están pensados para meter debaixo do escenario”. Un escenario que, ademais, está moi alto, o que implica “ter que separarse moito e non se ve ben unha obra de teatro e ademais é pequeno, duns 15 metros cadrados”.
Nel tampouco se contempla colocar iluminación. “Cando en realidade é moi doado tal e como está a obra poñer unhas barras onde colocar uns focos, pero iso hai que facelo no proxecto e non é así porque non está pensado para iso”. Outra das cuestionables decisións en canto á distribución son os baños públicos. “Tenos detrás do escenario, claramente creo que debería ir un camerino que é o sitio natural. Deste xeito, tes que pasar por detrás do escenario para ir a eles e hai luces que se acenden automaticamente nun lugar no que deberías ter escuridade total. Poderíase facer un escenario máis grande, unha grada, deixar a pantalla de cine tal e os baños na entrada”.
Pensan que con ese esforzo económico, “tendo en conta á xente que fai realmente teatro ou cine” e dándolle unha volta lograrían unha sala para cine, teatro e música cun aforo dunhas 150 persoas que para Rábade “estaría fantástico” e onde se podería facer moito máis que tal e como está contemplado. “É unha mágoa que un cine e un espazo así que podería ser un teatro de mediano tamaño marabilloso non se pensase”, di Carlos. A inauguración do proxecto, que conserva moitos elementos característicos da construción orixinal como o lenzo da parte traseira, segue a estar en dúbida.
ACCESIBILIDADE
Nos últimos meses, os traballos centráronse na parte eléctrica e tamén na accesibilidade do cine, aínda que a súa recuperación remóntase 5 anos atrás coa compra do edificio por parte do Concello que quería darlle unha vida útil e evitar a súa desaparición. Pretendían dotalo dunha función municipal, proxecto para o que pediron a colaboración dos veciños co obxectivo de reunir toda a información sobre un dos edificios máis representativos do municipio.
No 2021 adxudicouse unha primeira fase coa mellora da cuberta e contorna e a adecuación da sala para usos múltiples. Dous anos despois sacaban a licitación a última fase. “No último tempo e despois da pandemia subiu tanto o prezo dos materiais que a primeira convocatoria estivo baleira, ninguén se presentou porque non podían facer fronte a eses gastos. Despois volvémola licitar con algunha modificación e agora xa a colleu unha empresa”, engade a rexedora.
Case a metade da partida das inversións do orzamento aprobado neste 2024 destínase a súa reforma. Concretamente son 480.000 euros que proveñen de fondos europeos cos que se pretende avanzar nas instalacións. Isto supón un avance, recalca González, pero non vai a ser suficiente para lograr a súa pronta apertura, unha apertura que se prevía para finais do verán ou do outono do 2023, segundo sinalaba o anterior rexedor.