Rábade celebrará o 8M con actividades ata o 16 marzo

LugoXa | TerraChaXa
O programa dará comezo o xoves 5 de marzo coa presentación ás 11:00 horas no Centro Sociocultural do xogo ‘Feminismos no tempo’
programa-8m-vila-de-rabade
25 Feb 2026

O Concello de Rábade presenta a súa programación para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con actividades dirixidas a toda a poboación.

O programa dará comezo o xoves 5 de marzo coa presentación ás 11:00 horas no Centro Sociocultural do xogo Feminismos no tempo. Trátase dun obradoiro para xogar e aprender feitos e mulleres relevantes da historia. Proponse unha actividade para a poboación en xeral (a partir dos 16 anos) para xogar, dialogar e reflexionar.

Ese mesmo día pola tarde haberá un contacontos para público familiar (+5) a partir das 18:00 horas no Centro Sociocultural. Baixo o título A máquina do tempo das científicas viaxaremos ao pasado para coñecer mulleres extraordinarias.

O xoves día 12 de marzo o Centro Sociocultural acollerá a presentación do libro Alma de grilo, de María García, ás 19:00 horas, un acto pensado para o público xeral. A autora fará unha presentación teatralizada acompañada da guitarrista Icía Saavedra.

Por último, o luns 16 de marzo haberá obradoiros coeducativos no CEIP Otero Pedrayo de Rábade dirixidos ao alumnado de 3º e 4º de Primaria nos que se vai promover a reflexión sobre os estereotipos presentes nos medios e na vida diaria, fomentando unha mirada crítica e coeducativa.

As actividades enmárcanse no programa Rábade en igualdade e están cofinanciadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.12528300285339