Rábade celebrou o centenario de creación do Concello cunha recreación

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe nos actos de conmemoración do centenario da creación do Concello de Rábade, que se independizou do de Begonte o 28 de maio do 1925.
Arias felicitou á corporación e aos veciños e veciñas rabadenses, “aos que impulsan agora o municipio e ás xeracións que o trouxeron ata aquí, con expreso recoñecemento aos que souberon ver o seu potencial e iniciaron hai cen anos a súa andaina en solitario”.
Rábade celebra hoxe unha xornada festiva invitando a recrear o ambiente e o vestiario de hai 100 anos, cun mercado e unha verbena de época. Entre as actividades previstas salienta a inauguración dunha escultura conmemorativa e dunha exposición sobre o Centenario na Praza do Concello. Ademais presentarase a Muiñeira morisca de Rábade, de Euloxio Penas e Xosé Torres, e haberá concertos da banda Sons e Soños e de Luar na Lubre.