Rábade impulsa unha campaña para promover o comercio local con motivo de San Valentín

LugoXa | TerraChaXa
Durante estes días, todas as persoas que realicen compras no comercio local de Rábade poderán participar no sorteo de dez tarxetas agasallo por valor de 30 euros
comercio-local-rabade-san-valentin
10 Feb 2026

O Concello de Rábade e a Asociación de Comercio e Hostalaría ten aberta unha nova campaña de dinamización baixo o lema Namórate do comercio local, unha iniciativa que se desenvolverá ata o 14 de febreiro co obxectivo de incentivar as compras nos establecementos da vila coincidindo coa celebración de San Valentín.

Durante estes días, todas as persoas que realicen compras no comercio local de Rábade poderán participar no sorteo de dez tarxetas agasallo por valor de 30 euros cada unha. Trátase dunha acción coa que se pretende recoñecer a fidelidade da veciñanza e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia do pequeno comercio como motor económico e social do municipio.

A campaña aposta por un consumo de proximidade, destacando o trato directo, a calidade dos produtos e o compromiso dos establecementos locais coa vida diaria da vila. Desde a organización animan á cidadanía a mercar en Rábade e a sumarse a esta proposta que combina promoción económica e celebración, reforzando o vínculo entre clientes e comercio.

Con esta iniciativa, o Concello e a Asociación de Comercio e Hostalaría reafirman o seu compromiso co tecido comercial local, apostando por accións que fomenten a actividade económica e contribúan a manter viva a identidade comercial de Rábade.

⚙ Configurar cookies
0.08320689201355