Rábade presenta a nova edición do Máster de futbolín
Será os días 28, 29 e 30 de marzo, coincidindo coa Semana Santa e multiplícanse os premios, chegando ata os 15.000 euros e 137 trofeos.
O Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que este ano chega á viséximo quinta edición, celebrarase nas datas previstas para o mes de marzo, concretamente o 28, 29 e 30, coincidindo, como é tradición, coa festividade da Semana Santa.
Para celebrar este aniversario tan especial, a organización aumentou a cuantía e o número dos premios de engade algún trofeo individual máis polo que repartirá 15.000 euros e 137 trofeos, case 5.000 euros máis que na edición anterior. Prevese superar de novo as máis de 300 parellas participantes, en especial polo volume dos premios e ao tratarse dun aniversario especial.
Como en anteriores edicións, haberá cinco modalidades de xogo e tres niveis e xogarase en tres locais, no Salón Papyrus, no IES Río Miño e no CEIP Otero Pedrayo.
O Gran Máster Nacional de Futbolín repartirá para os de movemento e en parado oito premios desde os 1.600 aos 100 euros ademais do trofeo. O resto de premios, oscilarán entre os 600 e os 25 euros. Aumentan o apartado feminino, no que as gañadoras recibirán 800 euros e haberá premio para oito parellas.
Ademais os trofeos serán diferentes xa que se elaboran para cada torneo e terán un deseño exclusivo e orixinal.
Tamén contarán de novo co trofeo Alejandro Finisterre, para o xogador máis regular; o trofeo Concello de Rábade para o mellor xogador e o trofeo David García, para o mellor porteiro. Continúan tamén o trofeo Xunta de Galicia ao mellor xogador da comunidade autónoma, o trofeo Bola Meiga á amistade, o trofeo Peña Rábade Futbolín á peña máis participativa; o trofeo Galicial ao mellor xogador da provincia de Lugo, e o trofeo Merchi á mellor xogadora. Con este último quérese ofrecer unha homenaxe a unha das primeiras gañadoras que aportou moito ao futbolín. Engádese o Trofeo JMCR, ao Máster Leyenda.
Nesta gran festa do futbolín colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo (Vicepresidencia), a mocidade local e o Concello de Rábade.