Rábade: Ruta das Insuas do Miño

LugoXa
A ruta das Insúas do Miño é un percorrido de pouco máis de cinco quilómetros a carón do río Miño nos arredores de Rábade
Ruta insuas rabade 3
26 Mar 2023

A ruta das Insúas do Miño é un percorrido de pouco máis de cinco quilómetros a carón do río Miño que nos permite coñecer a fauna e flora dos arredores de Rábade ademais das pequenas illas que se forman no leito de río.

Unha das rutas máis habituais pola súa beleza e por tratarse dun percorrido sinxelo apto para desfrutar toda a familia é o das Insuas do Miño. Esta pequena ruta de algo máis de 5 quilómetros está considerada unha das mellores para iniciar aos máis pequenos na práctica do sendeirismo.

O alumnos do Colexio Santo Anxo foron os encargados de confeccionar este itinerario que permite coñecer a fauna e flora deste bonito paraxe dos arredores de Rábade. O punto de orixe e de final deste treito circular é a área recreativa de Rábade, ás beiras do Miño, para continuar augas arriba, pasando por baixo da ponte do ferrocarril e do viaduto da Autovía A6.

É nesta primeira parte da senda, cando comezan a xurdir no leito do río os primeiros illotes, baixo a sombra de freixos, salgueiros e bidueiros mesturándose con carballos e acivros, o carreiro cruza por prados de cultivo no que poderemos ver vacas, ovellas e cabalos.

O ruta pasa á Insua de Abaixo, cuxo interior percórrese grazas ás pontes de madeira que permiten conectar as illas coas beiras. Estas Insuas do Miño son pequenas illas orixinadas pola sedimentación de materiais dos meandros do Miño ao seu paso polos municipios de Rábade e Outeiro de Rei.

Debido á pouca pendente do terreo, o Miño alárgase e permite a formación, no seu leito, de pequenas illas como a Insua de San Roque, a Insua de Cela e a de Trabanca, que chegan a alcanzar os cinco quilómetros de lonxitude e máis de 200 metros de ancho, variando o seu tamaño segundo a estación polo caudal do río.

O río Miño actúa como fronteira natural entre os municipios de Rábade e Outeiro de Rei polo que o tramo, que percorre as dúas beiras, pasa por ambos os dous concellos. Esta contorna natural, de gran beleza en estado puro, permite ver ao longo do río nenúfares, fentos ou carriceiras. Entre a fauna destaca o mexillón de río, especie en perigo de extinción e pódese atopar tamén o merlo acuático, a londra e a ra verde.

A ruta finalmente sae á altura do muíño de Felpas á estrada local LU-1107, por onde se camiña uns seis minutos ata o punto de inicio. Ese punto de inicio do percorrido permite ao usuario ver e cruzar a ponte medieval que separa os concellos de Rábade e Outeiro de Rei.

De orixe romana, conserva a traza medieval orixinaria dos séculos XIII e XIV. Foi edificado en cachotería e perpiaños graníticos que posteriormente sería reconstruído en tempos de Isabel II. Conta a historia que os usuarios da ponte tiñan que pagar o seu dereito de portádego, ao antigo edificio do concello de Rábade.

Xunto á ponte no inicio do tramo atópase o Centro de Interpretación Casa das Insuas, edificio do antigo concello e que desenvolve unha importante labor medioambiental e educativa.

Ruta das Insúas Rabade 2
Ruta das insuas Rábade
0.059509992599487