Rábade será sede da terceira xornada da I Serpe Golden League de judo

Rábade acollerá o domingo 22 de marzo a terceira xornada da I Serpe Golden League de judo, unha cita deportiva que reunirá no Pavillón Municipal a máis de 400 deportistas.
A xornada foi presentada esta mañá coa participación do concelleiro Carlos González, xunto con representantes de AD Serpe Golden League, do club LugoKan e do Lvcvs Dojo.
Desde a organización explican que o judo galego continúa a súa proxección coa celebración desta terceira xornada da liga, que chega a Rábade tras o “exitoso arranque en Guntín e a consolidación do proxecto en Friol, reafirmándose como unha das citas de base máis destacadas do calendario autonómico”.
A actividade comezará ás 09:30 horas e desenvolverase de maneira ininterrompida durante a mañá e a tarde. A organización prevé unha participación que superará os 400 deportistas, con clubs procedentes de toda Galicia, así como de Asturias e Castela-A Mancha.
O evento coincide ademais coa celebración da Feira de Rábade.