Rafael de Vega deu a benvida á nova edición do Culturban

LugoXa
Rafael de Vega convértese en escenario de benvida á nova edición do Culturban, onde colocou a exposición itinerante coas obras das edicións
CULTURBAN RAFAEL DE VEGA
21 Xul 2023

A área de Cultura colocou nesta rúa a exposición itinerante coa mostra das obras das edicións do Culturban, nunha actividade acompañada da animación musical de David Taboada.

A rúa Rafael de Vega acolle a exposición itinerante que amosa todas as obras realizadas nas catro edicións celebradas ata o de agora dentro do festival de arte urbana Culturban. A área de Cultura organizou unha actividade para dar comezo a este festival que contou coa animación musical do artista David Taboada.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou o éxito das intervencións do festival, algo que "converte a Lugo nun lugar vangardista, participativo e amable" e que aposta polo talento das e dos artistas cunha recoñecible traxectoria como é o caso de Mon Devane, premiado co Mellor mural do mundo do 2022.

O primeiro mural desta nova edición do festival homenaxea ao doutor Rafael de Vega, represaliado e asasinado pola ditadura. O seu creador, o artista ourensán Mon Devane, representou ao médico na forma do Deus romano da curación realizando unha modernización do mito nun encontro entre mitoloxía e modernidade. A temática que se plantexa é, polo tanto, relacionada coa medicina e a sanación, ao reinterpretar ao propio deus Esculapio.

Maite Ferreiro destacou que "co Culturban damos desde a área de Cultura un novo espazo ás propostas de arte emerxentes, achegando unha canle de difusión ás novas propostas artísticas e achegando novas ofertas de lecer á veciñanza". Ferreiro lembrou tamén que "o Culturban deste ano volverá con máis murais en distintas zonas da cidade, xunto cunha nova edición do Combate Mural e máis intervencións".

A concelleira de Cultura destaca a importancia que este proxecto cumpre á hora de fomentar a arte socialmente responsable, vencellada á comunidade e á súa identidade e cultura que “dignifica a arte de rúa como expresión artística e ferramenta lúdica”.

0.20213794708252