Rafael Monte presidirá a Comisión de garantía da Eutanasia en Galicia
A Consellería de Sanidade anunciou a renovación da composición da Comisión de garantía e avaliación da Eutanasia en Galicia, coa introdución de catro cambios na súa estrutura.
O departamento sanitario da Xunta, nomeará ao doutor Rafael Monte Secades, xefe de Medicina Interna do HULA, como novo presidente do órgano que fai seguimento do cumprimento da Lei de regulación da eutanasia. Así, substituirá no cargo á anestesista Nieves Molíns Gauna, quen deixa o posto a petición propia, e que seguirá integrando esta Comisión en calidade de vogal.
Así mesmo, tamén se incorporarán ao novo equipo de avaliación o facultativo especialista en Psiquiatría, Manuel Arrojo Romero; a enfermeira de Atención Primaria, Etelvina Caeiro Uzal; e o técnico xurídico da Consellería de Sanidade, Alberto Pardo Silva. Nestes casos, substitúen a Juan Luis Fernández Hierro; Mónica Álvarez Álvarez; Andrea Gallego Valdeiglesia e a Jose Antonio Seoane Rodríguez.
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, agradeceu o labor desempeñado durante este tempo polos catros membros saíntes, así como o compromiso dos novos integrantes ao asumir unha tarefa de tanta responsabilidade.
Deste xeito, a Comisión de garantía e avaliación da Eutanasia en Galicia queda integrada polos seguintes 12 membros: Rafael Monte Secades (presidente), Manuel Arrojo Romero, Etelvina Caeiro Uzal, Alberto Pardo Silva, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, Beatriz Canneti Heredia, Jose Luis Jiménez Martínez, Nieves Molíns Gauna, María Ponte García, Felipe Trillo Taboada de Zúñiga, Miriam Vázquez Campo e Sergio Vázquez Estévez.
A Comisión de garantía e avaliación da Eutanasia é o órgano administrativo de ámbito autonómico adscrito á Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria. Verifica de forma previa e a posteriori o cumprimento da lei, resolve reclamacións de denegacións e elabora o informe anual de avaliación da prestación, ademais de servir de órgano consultivo na comunidade.