Raiolas Lugo reforza o seu labor na atención ás persoas con TEA co apoio da Deputación

A nova xunta directiva da Asociación Raiolas Lugo, entidade que agrupa a pais, nais e persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA) e trastornos de comunicación social, foi recibida polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
Durante o encontro, Tomé Roca salientou os 25 anos de labor “tan fundamental como necesario” que Raiolas Lugo leva desenvolvendo na atención das persoas con TEA e as súas familias. “Co seu traballo diario tratan de mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e usuarias, buscando a súa plena integración familiar e social”, subliñou o mandatario provincial.
O presidente destacou a estreita colaboración entre a Deputación de Lugo e Raiolas, que se plasma en proxectos como a gala solidaria Diez Raz10nes ou no apoio ao Centro de Día da entidade, cuxo local foi cedido e acondicionado pola institución provincial.
Ademais, avanzou que recentemente asinouse un convenio por valor de 22.000 euros para apoiar o programa Intervención en contextos naturais, que permite atender a case 90 persoas con TEA e a preto de 170 familias. Este programa, que se desenvolve nos domicilios das persoas usuarias, céntrase en potenciar as capacidades dos usuarios facilitando a comunicación e a comprensión das súas necesidades.
A través deste proxecto, a asociación ofrece apoio no desenvolvemento do benestar emocional, a evolución do xogo, as habilidades comunicativas e de aprendizaxe, a prevención de condutas problemáticas e a autonomía persoal. As familias tamén reciben asesoramento sobre pautas de interacción, intervención en situacións de crise e apoio terapéutico, fomentando así un ambiente familiar equilibrado e favorable.