Rajoy reuniuse cos afiliados e simpatizantes en Lugo
O presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, felicitou ao PP de Lugo polo seu “traballo e esforzo” nas últimas eleccións municipais: “Faltou nada para facernos coa Deputación e que Elena Candia fose alcaldesa. Por iso agora temos que traballar para non ter que dicir que nos quedou nada para ter o terceiro deputado pola provincia”.
Fíxoo nun encontro con afiliados e simpatizantes en Lugo xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Francisco Conde, e a presidenta provincial Elena Candia.
Insistiu en que este 23 de xullo só hai dúas opcións: “Ou Alberto Núñez Feijóo ou o Goberno Frankenstein. Todo o demais é irrelevante e por tanto é importante elixir ben e concentrar ben os nosos apoios”.
Destacou que Feijóo é “o mellor candidato que se presenta a estas eleccións” porque “demostrou que é un gran gobernante” e así o acreditan as súas catro maiorías absolutas en Galicia: “Ninguén obtén un respaldo maioritario se o fai mal e, por tanto, esas catro maiorías absolutas son a demostración inequívoca de que sabe o que é gobernar, que é o que necesita España”.
Nesta liña engadiu que o candidato á presidencia do Goberno sabe ademais gobernar para todos, tanto para os que lle votaron como para os que non, e que isto é fundamental “para traer a España o acougo, a tranquilidade e a normalidade que necesitamos”.
“Os españois estamos fartos de tanta rifa, tanta división e tanto enfrontamento. Necesitamos acougo, serenidade e un Goberno que se preocupe dos asuntos que realmente importan e dos temas que lle interesan á xente”, explicou.
Mariano Rajoy reivindicou a importancia de contar co respaldo do partido, ter un bo programa e dispoñer do mellor equipo: “Basta con ver as candidaturas ao Congreso e ao Senado por Lugo para comprobar que nos tomamos en serio o que nos vén por diante”.
“Somos un partido cunha traxectoria de máis de 40 anos e un partido de goberno. Non aspiramos a sacar un concelleiro ou un deputado máis, senón que aspiramos a gobernar. Non somos uns bisagristas chantajistas que ameazan a uns e a outros só por ter responsabilidades, senón que somos un partido con vocación e capacidade de permanencia”, remarcou.
Sobre isto último puxo sobre a mesa que, fronte a outros partidos con “unha capacidade notable e algúns para desaparecer”, no PP “sempre hai un militante en calquera pobo de España disposto a traballar para gañar”.
Continuando na idea de que nestas eleccións só hai dúas alternativas, Rajoy explicou que “quen queira que as cousas cambien en España e queira un Goberno formal e serio que se dedique ao que interesa” ten á súa disposición ao PP; pola contra, “quen queira seguir igual ten á súa disposición a toda a gama de partidos do Goberno Frankenstein”.
Tachando de “disparate” a coalición de Goberno e os apoios parlamentarios de Pedro Sánchez, o presidente de honra ironizou coa idea de que “as malas compañías nunca adoitan levar a ninguén a bo porto”.
Lembrou a este respecto feitos “que se pretenden ocultar” como son os indultos aos independentistas cataláns, a supresión do delito de sedición, as rebaixas de penas por malversación ou o traspaso das competencias penais ao País Vasco.
“Estes cinco anos foron a proba do que ocorre cando un se xunta con malas compañías. Se che alías con radicais e extremistas, ao final acabas radicalizándoche e vasche aos extremos”, engadiu.
Por todo iso concluíu que hai que cambiar e que só o PP reúne todos os elementos necesarios para o cambio: “Temos un candidato que está no seu mellor momento, que sabe gobernar e que conta co respaldo dun partido que pode permitirse o luxo de dedicarse unicamente a poñerse ao dispor dos españois”.