Reabre a igrexa de Montecubeiro, en Castroverde, tras a súa rehabilitación integral
A igrexa de Montecubeiro, localizada na unidade pastoral de Castroverde, reabrirá ao culto esta fin de semana, despois das obras de rehabilitación integral realizadas. O proxecto da obra estaba preparado desde o 2017 e contaba con todos os permisos pertinentes, tanto de Patrimonio como da propia Diocese de Lugo. Tras unha revisión dos novos párrocos do proxecto e unha procura de fondos a obra foi posible finalmente coa colaboración de varias entidades, como a Diocese, a propia parroquia e unha axuda do Concello.
Para conmemorar este momento, celebrarase unha misa este sábado, día 10, ás 11.30 horas. O arquitecto Jesús Bouza foi o encargado de deseñar un sinxelo proxecto, que se realizou no seu maior parte, e que contempla a recuperación do pórtico da igrexa e realce das pinturas; a reparación das paredes interiores da nave e da sancristía xunto coa pintura interior e exterior; a nova distribución dos elementos engadidos ao templo para poder observar con maior claridade os tres retablos frontais; o cambio da iluminación do templo e da sancristía, así como do pórtico de entrada; e a reparación das vigas e a aplicación do tratamento para a súa conversación.
“Creo que a obra era necesaria para reivindicar o valor artístico e relixioso desta parroquia de Montecubeiro, onde moitos poderán contemplar a beleza que aqueles frades dominicos tiñan ante si cando oraban”, explica Ignacio Felpeto, un dos párrocos e responsables de promover esta obra. “Este sábado todos os fregueses poderán participar da celebración e admirar o resultado da devandita obra”, engade.
Continúa a recuperación
As obras aínda non se dan por finalizadas e continuarán coa recuperación da escaleira do campanario, a drenaxe exterior do templo e a reparación da entrada á sancristía. Este sacerdote comenta que existe un plan para o arranxo doutras igrexas da zona. “Actualmente temos 34 parroquias e iso esixe un coidado e conservación constante do noso patrimonio. Creo que na medida do posible imos facéndoo cos escasos recursos dos que dispoñemos. Colocar un novo tellado na igrexa de Bascuas, a recuperación das pinturas de Paderne, que a subvención da Xunta para a igrexa de Vilabade fágase efectiva este ano ou o cambio a iluminación led de todas as parroquias son algúns dos retos fixados para este 2024”, explica.
O templo parroquial de Montecubeiro acolleu na súa longa historia a un grupo de monxes dominicos, que se instalaron naquela zona montañosa e coa que seguramente tivo relación o logo bispo e santo, San José María Díaz Sanjurjo, natural de Suegos e que foi martirizado en Vietnam. A amplitude da igrexa demostra a capacidade que esta tiña para albergar á freguesía e dos muros que aínda se conservan do convento podemos descubrir un cenobio pequeno.