'Realidade Interior' de Manuel Suárez estará no Vello Cárcere ata o 27 de marzo
O Vello Cárcere acolle dende o día de onte, 27 de xaneiro e durante tres meses a mostra, Realidade Interior, de Manuel Suárez. Estas obras destacan pola pintura abstracta característica do autor.
Esta nova exposición temporal está constituída por un total de 36 obras de diversos formatos e técnicas, que foron realizadas a través dun proceso creativo marcado pola introspección, a experimentación e a materia. Outro aspecto a salientar da obra é a combinación de diferentes materiais, mediante os que Manuel Suárez crea atmosferas envolventes e volumes orgánicos que conviven coa enérxica xestualidade do seu trazo.
Tendo como fonte de inspiración a abstracción e a xestualidade do Informalismo, o artista afonda nas súas vivencias e no seu propio sentir, e plasma esta ‘realidade interior’ dun xeito intuitivo e intimista en diferentes series que artellan a mostra en bloques cromáticos. Segundo Miguel Anxo Fernán Vello, os seus impulsos materialízanse nas formas máis arcaicas da linguaxe plástica humana.
No tocante ao procedemento de traballo, emprega diferentes materiais coma lenzo, madeira, cartón e outros soportes de refugallo que converte en medios de expresión en sí mesmos. Neste sentido, cabe salientar a importancia que adquire a textura na súa obra, ben a través da combinación de pigmentos, resinas, óleos e acrílicos, ben mediante a propia concepción do espazo, no que inclúe roturas e crea novas dimensións que van máis aló do formato convencional do cadro. Coa mestura destes elementos, o autor crea atmósferas envolventes e volumes orgánicos que conviven coa enérxica xestualidade do seu trazo.
Esta nova mostra poderá ser visitada na primeira planta de homes ata o 27 de Marzo.