Realizan cinco obradoiros sobre adiccións en doce centros educativos

LugoXa
As drogas con maior prevalencia de consumo entre os e as estudantes de 14 a 18 anos son o alcol (73,6%), o tabaco (27,7%), o cánnabis (21,8%) e os hipnosedantes (14,8%)
obradoiro-prevencion-drogas-colexios
15 Jan 2025

O Concello de Lugo está a levar a cabo ata cinco obradoiros para a mocidade sobre prevención de adiccións nuha ducia de centros educativos da cidade. É unha das actuacións desenvolvidas e xestionadas integramente polo servizo de prevención de drogodependencias e outras adiccións comportamentais da concellería de Xuventude e Deportes, que dirixe Jorge Bustos. Ditas xornadas e obradoiros lévanse a cabo entre o alumnado de Primaria e Secundaria, como unha forma de incidir na prevención destas condutas desde a educación. Así o explica o edil de Xuventude, quen sinala que “o principal obxectivo é reducir o risco de establecer relacións coas adiccións e a mellor forma de logralo é cunha sociedade máis formada e informada”.

Dependendo do obradoiro e do alumnado ao que está dirixido, cada actividade pódese desenvolver en unha ou en ata tres sesións. Así, para os nenos e nenas de quinto e sexto de Primaria púxose en marcha o curso ‘Prevención de adiccións con e sen substancia, desconecta’, que se leva a cabo en tres sesións. Nesta actividade abórdanse contidos vinculados ao alcohol, tabaco, videoxogos, xogos de apostas e redes sociais, a través de dinámicas de presión grupal, toma de decisións, resolución de conflitos, etc. Esta actividade, que aborda as principais adiccións, ten como obxectivo influír nas crenzas e actitudes do alumnado sobre as adiccións en xeral e sobre o seu consumo. Tamén busca atrasala idade de inicio na relación con estes comportamentos, promovendo ao mesmo tempo os hábitos de vida saudables.

Pola súa banda, os obradoiros dirixidos ao alumnado de Secundaria, para distintos cursos da ESO e de FP, abordan temáticas desde un punto de vista máis específico. Así, o programa denominado prevención unplugged, para mozos e mozas de 1º e 2º da ESO, de entre 12 e 14 anos, se desenvolve en tres sesións nas que se forma nas habilidades para a vida; información sobre as adiccións; e o cuestionamento da percepción normativa. Outro dos obradoiros, dirixido ao mesmo grupo de idade, é o monográfico sobre o cánnabis, vapeo, e outras formas de consumo de tabaco, que ao longo de dúas sesións busca aclarar conceptos, reducir os riscos e formar e informar sobre a realidade destas substancias, os seus mitos, lexislación, etc.

Actividades específicas para maiores de 16 anos

Nos obradoiros para a mocidade xestionados pola área de Xuventude do Concello de Lugo destacan os dirixidos ao alumnado maior de 16 anos. Entre eles, un dos máis novidosos e o que trata das adiccións relacionadas coa educación vial, no que abórdanse nunha única sesión os perigos e delitos en relación ao consumo de substancias e ao manexo de vehículos, entre eles os de mobilidade persoa. Trátase dunha actividade que se encargan de impartir os técnicos municipais de prevención de adiccións xunto a axentes da Policía Local especializados nesta temática.

O obradoiro Dobre check, dirixido ao alumnado de 4º da ESO, aborda en dúas sesións as adiccións do século XXI, as habilidades sociais e emocionais para a resolución de conflitos, o pensamento crítico, as ferramentas de prevención e a responsabilidade persoal.

Desde o servizo de prevención de drogodependencias e outras adiccións comportamentais da concellería de Xuventude informan que aínda é posible solicitar este tipo de actividades para desenvolver nos distintos centros educativos. Para facelo é necesario realizar a solicitude por correo electrónico á dirección francisco.eiros@lugo.gal. Mentres, para solicitar cursos e obradoiros para familias, pódese realizar a mesma petición á dirección lidia.platas@lugo.gal. Tamén pódese pedir máis información sobre este tipo de actividades no centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra, no teléfono 982 297498.

Enquisa sobre o uso de drogas en ensinanzas secundarias

A última enquisa sobre o uso de drogas entre os e as estudantes de Secundaria do Ministerio de Sanidade recolle datos do ano 2023. Entre as conclusións acadadas destaca o feito de que entre os e as estudantes de 14 a 18 anos, as drogas con maior prevalencia de consumo nos últimos 12 meses son o alcol (73,6%), o tabaco (27,7%), o cánnabis (21,8%) e os hipnosedantes con ou sen receita médica (14,8%). En comparación con resultados de anos anteriores, o consumo de alcol e hipnosedantes con ou sen receita incrementáronse e, con todo, o consumo de tabaco e cánnabis diminuíron.

Os datos recompilados entre os estudantes de ensinanzas medias da cidade de Lugo, nos últimos estudos realizados pola USC e o Concello de Lugo, son practicamente idénticos aos da submostra de estudantes de Galicia, e tampouco se diferencian significativamente dos resultados obtidos no conxunto de España, segundo sinalan os técnicos municipais.

As idades de inicio de consumo das drogas máis consumidas mantéñense estables, sendo o alcol a que acada unha idade media de inicio máis temperán, nos 13,9 anos, seguida do tabaco e os hipnosedantes (14,1 anos) e do cánnabis, con 14,9 anos. En xeral, as prevalencias de consumo de substancias aditivas entre a xuventude increméntanse segundo faino a idade, sendo os estudantes de 18 anos os que obteñen as prevalencias de consumo máis altas de todas as drogas analizadas. En canto ás diferenzas por sexo, as prevalencias de consumo en todos os tramos temporais analizados, do alcol, tabaco e hipnosedantes son máis elevados no caso das mulleres, salvo no consumo diario de alcohol, onde a prevalencia do seu consumo nos homes duplica a das mulleres.

0.15262413024902