Realizan este sábado no Castro de Viladonga unha ruta con cans de terapia

LugoXa | TerraChaXa
Está organizada pola Fundación María José Jove da Coruña dentro dun programa de oito sesións
ruta-inclusiva
19 Mar 2025

A Fundación María José Jove organiza unha nova programación de oito rutas de Sendeirismo Inclusivo ao longo de 2025 en distintos puntos de Galicia, catro delas con cans de terapia que arrancarán esta fin de semana cunha visita ao Castro de Viladonga.

Co título Castro de Viladonga, o legado dun pobo percorrerán este sábado unha ruta lineal de 4,5 quilómetros que discorrerá polo Concello de Castro de Rei.

Nesta actividade participarán cans de terapia que acompañarán ao grupo para fomentar a motivación, a estimulación e a interacción dos participantes. O percorrido comezará no pequeno lugar do Suso e seguirá por unha pista de grava en ascenso entre prados e carballos ata a igrexa de Balmonte, un espazo singular e tranquilo dende o que se pode divisar a paisaxe típica da comarca.

Durante a ruta, os participantes poderán observar mostras da arquitectura tradicional luguesa, algunhas delas en estado de abandono. Un sendeiro en ascenso conducirá ata a impoñente croa do Castro de Viladonga. Alí terá lugar unha visita ao museo e ao castro, onde se poderá descubrir como vivían os nosos devanceiros nun enclave tan especial.

O lugar de saída será ás 09:30 horas dende a Residencia Universitaria Rialta, na Zapateira, na Coruña, e o regreso está previsto para as 14:00 horas. O transporte adaptado será facilitado pola Fundación María José Jove.

Para imprevistos durante a ruta, as persoas participantes poderán contactar co teléfono 654 612 352.

O principal obxectivo do programa de Sendeirismo Inclusivo é achegar ao medio natural en Galicia persoas con e sen discapacidade mediante rutas interpretadas de interese patrimonial, cultural e ambiental.

⚙ Configurar cookies
0.053906917572021