Realizan traballos de acondicionamento nunha estrada na parroquia lucense do Burgo
O tenente de alcaldesa e edil de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou a realización das obras de mellora dunha estrada municipal na parroquia de O Burgo, “unha actuación incluída no acondicionamento de camiños, os cales se atopaban deteriorados debido á súa antigüidade, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo” sinalou o edil.
Esta obra enmárcanse no Programa de Mellora de Camiños de Titularidade Municipal financiado por AGADER a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e contan cun orzamento de adxudicación de 72.956,95 euros.
A execución nestes viarios consistiu na rexeneración do firme, a limpeza de cunetas e taxeas co fin de restablecer a drenaxe e facilitar a evacuación da auga para que non ocasione danos sobre a pista unha vez reparada, e a cobertura cunha capa de rodadura en quente e a correspondente sinalización.
Esta actuación súmase ás obras realizadas nas parroquias de Santiago de Sáa e Bascuas, financiadas a través deste mesmo programa, ademáis das incluídas no Plan Único do 2021 nas parroquias de Camoira, Tirimol, Pedreda, Santo André de Castro, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Vilachá de Mera, Prógalo e Poutomillos, algunhas xa executadas e outras que se están a realizar. A maiores, dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 acometeranse melloras en outras sete estradas de cinco parroquias e dous proxectos de abastecemento de auga.