Rebaixan o canon aos 500 euros para xestionar a cafetería do CEI Nodus de Lugo

LugoXa
Ademais, permitirase o peche do establecemento no período vacacional durante 15 días e amplíase o requisito da experiencia previa en hostalería ata os últimos 10 anos
cei-nodus-centro-empresarial-lugo
14 Ago 2024

O Executivo de Paula Alvarellos aprobará na Xunta de Goberno Local as bases da nova convocatoria para a adxudicación da cafetería do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI Nodus). Así o informou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou que “retomamos o proceso de licitación desta dotación municipal, ofrecendo unhas condicións máis vantaxosas para facer máis atractiva a concesión”.

Deste xeito, o canon pasará a ser de 500 euros ao mes –6.000 euros ao ano, polos 9.600 da anterior convocatoria–; así mesmo, permitirase o peche do establecemento durante o período estival durante 15 días e ampliarase o requisito da experiencia previa en hostalería ata os últimos 10 anos, tendo en conta que no primeiro proceso se esixía que esta fose demostrable nos últimos 5 anos.

A duración da concesión será dun mínimo de dous anos, a partires da sinatura da acta de inicio da explotación e, rematado este período, poderase prorrogar por acordo mutuo das partes por períodos máximos anuais ata un máximo de oito anos máis, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas poida exceder de dez anos.

Unha vez publicado o anuncio de licitación no perfil do contratante do Concello de Lugo na Plataforma de Contratación do Sector Público e no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un prazo de 15 días hábiles para a presentación das solicitudes de participación e ofertas económicas.

0.16262102127075