Recatelo acolle un mural dedicado a Rosalía de Castro que reforza a identidade cultural do barrio

O barrio de Recatelo avanza na súa transformación urbana cunha nova intervención artística: un mural dedicado á figura de Rosalía de Castro. A obra, que se atopa en proceso de elaboración da man do muralista Rubén Paz, busca render homenaxe a unha das figuras máis representativas da cultura galega e, ao tempo, encher de cor e significado este enclave da cidade.
Representantes municipais e membros da asociación veciñal acompañaron a evolución do proxecto, destacando a importancia de levar a arte ás rúas como ferramenta de dinamización social e reforzo da identidade cultural. Subliñaron, ademais, que esta iniciativa se suma ás múltiples actuacións realizadas en Recatelo nos últimos anos, que convertiron o barrio nun espazo máis humano, sostible e aberto á participación cidadá.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sinalou que proxectos coma este consolidan a aposta pola cultura como motor de transformación social, ao tempo que contribúen a embelecer a cidade e manter vivo o legado das figuras máis destacadas de Galicia.
A nova intervención reforza tamén o carácter estratéxico de Recatelo, ao conectar o casco histórico co Parque de Rosalía de Castro, consolidando a zona como espazo de encontro, paso e lecer tanto para a veciñanza como para os visitantes.