Recatelo presenta o programa das súas festas

LugoXa
A rexedora animou a toda a cidadanía a participar activamente nas celebracións para manter vivas as tradicións de Lugo
presentacion-festas-recatelo
10 sep 2024

Paula Alvarellos participou na presentación das festas do barrio de Recatelo, que terán lugar o próximo 14 de setembro.

A xornada festiva comezará ás 12.30 horas cun pasarrúas que partirá dende o centro de Lugo a cargo do grupo Bloco Meigallo, seguido dunha misa ás 12.45 horas no palco do parque.

Ás 13.15 horas, Marga Rivera será a encargada de ofrecer o pregón, dando paso, ás 13.30 horas, a unha animada sesión vermú coa actuación de Manquiña e os fabulosos weekends.

Pola tarde, a diversión continuará ás 16.00 horas con xogos populares da man de Profe Alba, seguidos dunha clase de swing con Lola Saltatore ás 17.00 horas. Para pechar a xornada, ás 19.30 horas, os cantos de taberna do grupo As Searas porán o broche final ás celebracións.

Na súa intervención, Alvarellos puxo en valor o papel fundamental dos colectivos veciñais na dinamización da cidade, destacando que “os colectivos veciñais son esenciais para a dinamización da nosa cidade, recollen as necesidades dos veciños e permiten que o Concello responda de forma áxil e efectiva ás demandas da cidadanía”.

Durante o acto, no que estivo acompañada por responsables da Asociación de Veciños Parque de Rosalía-Recatelo, Alvarellos subliñou tamén a importancia de coidar as tradicións e de asegurar que estas se transmitan de xeración en xeración. "As nosas tradicións forman unha parte fundamental da identidade de Lugo como cidade, e festas como as de Recatelo son unha oportunidade única para manter vivas esas raíces," sinalou.

Para rematar, Paula Alvarellos animou a toda a cidadanía a participar nas festas, destacando que a colaboración activa de todos é clave para que estas celebracións sexan un éxito: "Invito a todos e todas a que se acheguen e desfruten destas festas, que son un reflexo do mellor de nós mesmos como sociedade."

0.16956400871277